Unha radiografía social

Víctor F. Freixanes
Víctor F. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

16 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Tocante a buscar futuro, na Galicia do tempo dos avós a mocidade tiña basicamente tres saídas: o seminario, que recrutaba nas aldeas rapaces novos con aptitudes para o estudo; o exército, case nunca de carreira, máis ben braceiros de base, e os labregos a sachar nas leiras, que as máis das veces nin deles eran. Había unha cuarta saída, a emigración. Non ían os máis pobres, nin os mais febles. A emigración era unha proba para os que tiñan recursos ou podían hipotecar propiedades para pagar a pasaxe, coa sorte de que alguén dende América os reclamase, e mais con saúde para afrontar o desafío. A crónica do país vén ser a combinación destes tres ou catro elementos básicos.

Logo estaban os empresarios e os funcionarios. Nas primeiras décadas do pasado século, unha parte importante de empresarios fixéronse nas Américas. En certa maneira, a experiencia emigrante, lonxe dos condicionantes políticos, psicolóxicos e estruturais que tollían o país, actuaba coma unha especie de selección natural: os que non quedaban no camiño saían adiante e ás veces mesmo facían cartos. A marca do éxito era volver e amosar aos veciños que a aventura non fora un fracaso.

Outra caste de empresariado era a de raiceira familiar: herdanzas de pais a fillos, que non sempre funcionaban, pero que viñan ser, coma quen, unha caste de nobreza urbana, os señoritos, que acababan as máis das veces en caciques, e consumían en dúas xeracións o que construíran os devanceiros. Estas empresas de estirpe familiar tiñan case sempre orixe foránea: maragatos, leoneses, cameranos, vascos na industria do coiro, cataláns na conserva… Na estrutura do poder, viñeron substituír os vellos fidalgos que, como dicía Otero Pedrayo, colleron medo á noite da aldea e arribaron ás vilas e ás cidades a matar o tempo xogando no casino ao dominó mentres os comerciantes, os novos amos, construían o futuro.

O derradeiro grupo son os funcionarios. O meu avó, que acabou de garda civil polas razóns que se explican nos primeiros apartados, aconsellaba aos seus netos esta saída «porque o Estado nunca quebra», dicía. Traballar no seguriño e para toda a vida. «O pan pode ser escaso, pero é dunha brancura infinita». Esta idea da brancura como algo que non compromete, ao contrario do risco que se lle supón ao empresario, e que dura toda a vida, porque o Estado non quebra nunca, significa aceptar a escaseza de retribucións case coma unha resignación, coma parte do contrato, a cambio da tranquilidade e a continuidade sen amos. Sen amos visibles, quero dicir. Para a inmensa maioría da nosa xente o Estado é unha abstracción que non ten rostro. Polo que acabamos de ver nunha enquisa de expectativas laborais entre a nosa mocidade, unha gran maioría da xente moza anda nesta derivada. Será cousa de preguntar por que, se acaso outro día.

Na estrutura do poder, [os empresarios] viñeron substituír os vellos fidalgos que, como dicía Otero Pedrayo, colleron medo á noite da aldea e arribaron ás vilas e ás cidades