Algo cheira a podre só no fútbol?

OPINIÓN

RONALDO SCHEMIDT| AFP

22 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os moi fans dirán que o fútbol é así, que grazas a xestións coma a de Villar, a selección española foi o que foi; algúns destes forofos serán os mesmos que se manifestaron no xulgado para apoiar a Messi, ou os que xustifican a tristura de Ronaldo.

 Sobre todo, haberá unha maioría que comprenderá ao presunto defraudador ao tempo que o fustiga. Serán quen din que farían o mesmo pero que non os collerían. Eses españois típicos que, nun marxismo mal entendido, cren ter a clave de con quen repartir as cantidades insultantes de diñeiro defraudado. Eses españois que teñen sempre na boca a frase «Sería parvo se...». Os mesmos que lle pagan en negro ao dentista, pero que lle relean ata o último céntimo á empregada de fogar, que traballa sen contrato. Os que non teñen contas en Panamá porque non lles dá o cash flow. Eses que denunciaron a cláusula chan da súa hipoteca, pero arranxaron co carpinteiro da cociña un prezo sen factura. Españois que miran para outro lado cando van a un médico privado que lles pide as probas caras pola Seguridade Social. Españoliños, pequenos e medianos empresarios, que fan contratos de media xornada pero esixen dedicacións de oito horas (ou máis), sobre todo se es muller. Españois, en fin, aos que tanto, tantísimo lles gusta o fútbol, e que aproveitarán o caso de Villar na federación para escandalizarse, de paso, polos políticos, os alcaldes, os bancos, mentres coa boca pequena insisten niso de «quen non faría o mesmo?».

E Villar, en fin, no seu calabozo, preguntándose se saíu do País de Endexamais ou da mesma España chunga que aínda non entendeu que non hai fraudes e fraudes, senón corrupción, grande e pequena, por todas partes.