Das Galicias e da patria

María Xosé Porteiro
María Xosé Porteiro HABITACIÓN PROPIA

OPINIÓN

25 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe, a memoria de Castelao estará en discursos e homenaxes. O pai da patria morreu nunha sobria cama do hospital do Centro Galego de Bos Aires cando o século pasado ficaba dividido en dous. Así estaba Galicia xa daquela, partida en metades, quintas, décimas porcións. Tantas coma acollidas tivo a nosa diáspora desde o século XVIII, agora de novo relanzada coa crise. Hoxe hai unha concentración ao pé do Obelisco da avenida 9 de Julio cunha festa que a nosa xente de alá deu en chamar «Obeliscazo». Non han fallar xantares, foliadas e algún ca outro parágrafo na lingua que levaron de aquí, entre tantas galegas e galegos de ata terceira e cuarta xeración teimando en se manter xunguidos á unha patria ancestral.

 

Aquí vivimos de costas a esas outras realidades onde estamos -pola contra- tan presentes. A nosa nai dos dous mares, como alguén lle cantara, ten moitas máis beiras ca auga. Só no bico atlántico atopamos colectividades galegas de Norte a Sur en ambas as marxes oceánicas. Malia todo, non damos comprendido -nin valorado- o sentimento de pertenza tan intenso, extenso, herdable e sostible, que se tece fóra. O que tal non farían Cataluña ou Euskadi con semellante capital...!

O Centro Galego está a pasar unha terrible crise cando cumpre cento dez anos, intervido polo Goberno arxentino logo de tantos cartos enviados directamente polos seus socios ou familiares de aquí ou de acolá, e polos sucesivos Gobernos autonómicos desde que o noso Estatuto de autonomía recoñeceu os dereitos dos trasterrados e sustenta e xustifica os gastos que se teñan que facer por manter a galeguidade, alén das fronteiras peninsulares.

Algo estamos a facer mal co patrimonio e o legado que nos foi deixado pero xa case ninguén se lembra da emigración á hora de falar dos problemas compartidos nin das solucións que precisamos, tampouco en datas coma esta, ben acaída para poñer en valor tanto capital humano ciscado e unido a un tempo polo mesmo latexo. O 25 de xullo Galicia é máis patria ca nunca para milleiros de persoas que viven lonxe, pero con dereito a votar aquí, que seguirán ausentes nos discursos e na memoria ata a próxima convocatoria electoral.

Seguimos a ser un país que exporta persoas ao tempo que deixa afundir a pirámide demográfica. Onde van as ideas e a empatía precisas para conectarmos cos talentos, talantes, imaxinación e soños de tantos de nós esparexidos por todos os confíns? Nin os partidos de sempre, nin os novos, se preocupan seriamente desta descendencia pródiga e se interesan menos por procurar algunha idea prodixiosa para que este país non sexa unha terra sen xente, nun futuro cada vez menos imposible.

Fomos unha patria prolífica. Deixemos a apatría a carón e traballemos pola irmandade dunha cidadanía activa desde todas as Galicias, esa nosa nai (ai!) dos mil mares.