Nadar con Mireia

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

01 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Logrouno. Xa é ouro mundial. 200 metros bolboreta. 

Algo me dicía que o ía conseguir, que o metal máis prezado ía ser para ela. Foi un latexo que me deu ao vela saír. Esa cara concentrada, sen excesiva tensión. Eu pensaba na cantidade de horas que pasou na auga, a cantidade de sacrificios, esforzos, dor física e atrancos psicolóxicos que superou para que ese corpo parecese esculpido por un experto en técnicas de natación.

Una anatomía poderosa para loitar contra a auga... sexa como sexa esa loita desigual dun sólido contra un líquido.

E Mireia converteuse en bolboreta, saíronlle ás. Despregounas pouco a pouco, ata voar sobre a auga cristalina. Apenas foron dous minutos, tempo no que tamén me saíron ás a min. Erguinme do sofá para aproximarme máis á pantalla. Quería chegar ao bordo da piscina con Mireia... Veña, Mirei, veña! Na casa os corazóns aceleráronse. Supoño que houbo moitos máis que se achegaron ao televisor, que lle berraron palabras de ánimo á nadadora. Nadamos con Mireia desde casa. Sorriu e emocionámonos con ela.

Pero non serve nadar ao carón de Mireia só eses minutos de gloria nos que pode acadar unha medalla. Non podemos ser efémeras bolboretas para voar ao seu carón só un instante. Había que seguir a Mireia todo o ano, acompañala e valorala cada día. Facer o seu traballo e o seu esforzo ben visibles, porque son dignos de tomar como exemplo.

Que gran deportista. E que inxusto ou tardío é o recoñecemento con ela.

Voa, Mireia. Tes as ás de bolboreta máis fortes que hai.

Había que seguir a Mireia todo o ano. Facer o seu traballo e o seu esforzo ben visibles, porque son dignos de tomar como exemplo