O filósofo

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

03 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O noso Luís é un filósofo. Os da cuadrilla hai anos que o coñecemos e, aínda así, non deixa de sorprendernos. En agosto, máis. É un mes terrible. Ten o bar cheo de xente, afogado pola chegada dos turistas que conquistan Verín. Un non pode tomar un vaso tranquilo. El, tampouco. Pero non cambia a súa calma por nada. Xa pode estar a terraza a rebentar, que o Luís non perde o paso. Fala con este, co outro, para aquí e alá. Se non o coñecera, pensaría que é o único hostaleiro do mundo que prefire o local baleiro antes que cheo. O ano pasado, ás dúas da tarde dun día de agosto abrasador, o Luís falou cun cliente: «Pero home, non estaría usté mellor na praia, co fresco que se está alí... e prefire sentar aquí, suando e comendo unha hamburguesa». O turista riu. Cunha señora discutiu seriamente. Quería un café con leite desnatado e o Luís díxolle que só servía o leite de toda a vida: «O das vacas, señora, ¿ou acaso cre que dan o leite desnatado?». El non podería servir ese leite desnaturalizado. O Luís tomouno unha vez e pasou dúas horas no baño, entrando e saíndo, apertado polos cólicos: «Estiven a piques de denuncialos». «¿A quen, Luís?». «Aos do leite desnatado, é un veleno». Un visitante preguntou qué ensaladas tiña e coa súa pachorra habitual dixo taxativamente: «Grandes e pequenas». Estes días non ten tempo nin para nós. Comentamos que estaba o viño pouco frío e contestou, con parsimonia: «Non podo estar en todas partes». Ten razón, agosto é matador. Máis na súa hamburguesería, un local de éxito. Tanto que cando o Juan Ramón lle di «apura, Luís, que está a terraza chea», el acende un cigarro. Mírao con displicencia e responde: «Apurar, ¿para que?». O noso Luís é un filósofo.