Peregrina nas Administracións

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

04 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Remata o mes e volvo á miña peregrinación particular polas Administracións. Salvo que, desta vez, en lugar de ir só a Facenda, tamén fago a visita á Seguridade Social. 

Suei tinta negra de lura para conseguir facer todos os trámites telematicamente, pero... logreino, cun esforzo semellante ao de Mireia Belmonte. En fin.

O malo é que... cometín un erro. Como non hai quen guíe, quen responda... premín continuar pensando que todo estaba ben cando non era así e, ao chegar á pantalla final, cachei o erro. Un día de diferenza. Todo mal. Así que agora tiven que ir catro veces de visita ás Administracións nesa mesma mañá. Total, para non solucionar o problema. A ver se en 20 días está e, daquela, non me cobran de máis.

Menos mal que, cando un vai avanzando no proceso, aparecen varias mensaxes que advirten de que eu, como usuaria do servizo electrónico, son única responsable do que poño (e ninguén me explica) e admito unha multa en caso de que consideren a miña ineptitude co seu idioma un delito grave. Olé.

Pero... saben o mellor de todo? Que para Facenda eu non son María. Son Maria. Cando escribo o meu nome correctamente, con acento, sáenme unhas mensaxes en vermello dicindo que no recadro non sei que hai un erro! Non entendo nada. Porque, se imos polo legal e letra miúda... eu para Facenda non existo. Maria Canosa si, pero María Canosa, que son eu, non. E por cambiarme e identidade e causarme trastornos por iso, non me pensan indemnizar? Vaia!