Paraíso vacacional

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

05 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Para que quere wifi se está no paraíso?». O recepcionista debuxa un sorriso. Sen dúbida, ensaiou o papeliño con respostas a preguntas habituais. Derredor, uns guiris cos portátiles e un aquel de angustia teclean apurados, desexando acabar para volver ao paraíso. ¿Serán adictos ao traballo? Ao mellor non cren no paraíso e por iso están aí, proscritos no purgatorio do vestíbulo, o único lugar con wifi. 

«É que, se non ten wifi -dígolle apoucada- non é o paraíso». Sorrí con satisfacción. Alguén puxo ese retruque no papeliño. «Nas habitacións hai conexión por cable cun custo adicional. Trouxo vostede cable para conectarse?». «Como vou vir ao paraíso cun cable de módem? Ademais, non é todo incluído?». «Non se inclúe conexión a Internet no noso concepto vacacional». «Ou sexa, que podo saír de aquí cun coma diabético, pero se quero ver a miña serie favorita despois de cear, teño que pagar á parte». Mírame cariacontecido. «Si». «Mire, son escritora, sabe?, e as escritoras vivimos en vacacións perpetuas, ou nunca estamos de vacacións, segundo se mire. Ultimamente, se queremos cobrar, necesitamos wifi máis cá auga». Eu nin sequera quería isto. Eu quería ir a París ou a Nova York, aos sitios que inspiraron a Dorothy Parker e a Descartes. Lugares con wifi. Pero o recepcionista non pode facer nada, así que choramos xuntos. «Pode ir emborracharse na piscina. Hai barra onde a auga chega pola cintura». Mírame fixamente e engade algo que non figura no papeliño de respostas. «Logo podería escribilo». Non lembro nada máis.