Marisa

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Jose Manuel Casal

10 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Avanzamos en agosto e a miña nena segue falando do colexio. Cada día me sorprende con algo novo que foi adquirindo ao longo do curso e que leva gardado. Pouco a pouco deixa ir saíndo o que a escola significou para ela e os seus compañeiros. 

«Non me quero bañar, mamá. É mellor ducharse. Temos que pechar a billa para que non se gaste a auga». Míroa sorprendida e xa me explica que llo ensinou Marisa, a súa profe. Tamén que temos que compartir. E que non debemos enfadarnos.

Polo medio tamén pregunta cando comezan as clases e onde andarán cada día os seus compañeiros.

Ás veces escóitoa cantar cancións e recitar os números. Quere saber que letras leva cada palabra, e vainas anotando nun caderno, ou en calquera papel que atopa pola casa adiante.

O último día, cando os fomos recoller, cantáronnos unha canción, e ao final dela, apertáronse todos, porque, dicían eles, Marisa lles explicara que «o mellor de todo son os amigos».

Van pasando os días e nela florece toda a aprendizaxe destes meses atrás. Véxoo na forma de mirar e de razoar. Repite a cada pouco: como di Marisa. E a min faime sorrir e sentir un inmenso orgullo.

Seguro que hai máis Marisas, non o dubido. Mesmo Luchi, a profe do mesmo nivel pero do outro grupo coa que tanto compartiron. E moitos outros tantos docentes que fan unha labor impagable, axudando a medrar os cativos. Marisa tamén é Helena, Pedro, Isabel, Marcos... Mestres que fan que nese primeiro ano, os nenos namoren da escola. Grazas a todos. Grazas a ti, Marisa.