En traxe de baño

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

13 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Que alguén rouba nunha xoiaría? A solución é non vender xoias. Que alguén asalta unha casa? Obrígaselle ao dono a poñer fortes medidas de seguridade: reixas, vixilancia... Que maltratan a un sen teito? A culpa é del, por durmir na rúa. Que o leven ao cárcere! Ah, non, perdón. Non é así. A quen hai que castigar e obrigar e impor penas ou medidas correctivas é a quen comete o delito, non a quen o sofre.

Daquela... por que cando se acosa e vexa ás mulleres traballadoras, facendo comentarios desapropiados e machistas sobre o seu físico, as que teñen que mudar de actitudes son elas? Ou sexa, nós!

Paréceme incomprensible e insultante que as socorristas non poidan exercer o seu traballo na praia en traxe de baño, como o fan os seus compañeiros masculinos.

En Xixón montouse unha lea por comentarios machistas nas redes sobre o corpo das socorristas, observado de maneira lasciva mentres traballaban.

A solución proposta, lonxe de perseguir a quen fixo os porcos comentarios, foi suxerir ás traballadoras que utilicen pantalón en lugar de traxe de baño para evitar problemas. Que asco! Castigan ás ofendidas!

Así non se arranxa o problema, acrecéntase. Non somos culpables, señores. Non o somos. Bañarse n con burkini, mal. Traballar na praia en bikini, mal.

E as deportistas? Vin os mundiais, as carreiras de velocidade, e son espectaculares, as de homes e mulleres. Musculatura, elegancia, potencia... Non me fixei na lonxitude dos pantalóns duns e doutras. Alguén si?

Basta coa desigualdade.