Os nomes da terra

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

14 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Fermosa loita a que están a librar os implicados no proxecto Toponimia Galega: evitar que os nomes de miles de lugares da nosa terra caian para sempre no esquecemento. Eu non sabía que a metade das entidades de poboación de España están en Galicia. Acabo de sabelo lendo neste xornal unha reportaxe de Tamara Montero. Xa están recolleitos e fixados por escrito máis de 40.000 topónimos que constitúen o catálogo de nomes xeográficos que forman a toponimia oficial de Galicia. Pero están en perigo de desaparecer nada menos que un millón e medio, calcúlase que entre 45 e 50 por quilómetro cadrado: nomes de camiños, covas, cabos ou penedos. E o mesmo sucede cos lugares mariños. Eses nomes pervivirán mentres vivan os que os coñeceron e os oiron dos seus pais e dos pais dos seus pais, nunha cadea de sabedoría que se remonta ás veces ata os celtas ou os romanos, e que crébrase con esta última xeración. Hai razóns de utilidade para que a Xunta dedique interés e diñeiro a esa tarefa: localizar con precisión o lugar dun accidente ou dun incendio para poder prestar auxilio. E hai unha razón máis fonda: se perdemos os nomes da nosa terra, perdemos a nosa identidade .