A ruta

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

17 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Levanteime cedo o día de Santa María, patroa de Verín. Almorcei, lin un par de horas e ás dez da mañá, aínda pola fresca, quería ir pasear. Quedara co Juan Ramón a tomar o vermú e conviña facer as tarefas de costume antes da unha. Visitaría o cemiterio e, logo, a camiñar. Era unha xornada festiva plena de luz e expectativas. No camiño do camposanto encontrei ao meu primo Gerardo. Subiu no coche e fomos xuntos. Dez e dez da mañá. Despois de rezar, o meu primo invitoume a facer a ruta. Quería amosarme panteóns de persoas relevantes de Verín. Leva tempo traballando na elaboración dunha lista co día do pasamento, causa do óbito, e idade dos 385 homes e mulleres máis célebres da vila: 385, cifra exacta. Non é a primeira das súas listas. Ten varias. Todas en libreta e escritas con bolígrafo. Sabe o número de pasos, sen utilizar aplicación do móbil, entre a súa casa e lugares do municipio (libreta 1); os case dous mil alcumes dos veciños (libreta 2); os goles de Messi ilustrados con debuxo (libretas 3 e 4 ); nomes raros, Briseida ou Habacuc, das proximidades (libreta 5)... Son curiosidades que a internet non facilita. El non cre na rede. Di que calquera día rebenta iso que chaman a nube e o mundo queda sen información. Porén, as súas libretas permanecerán. Nelas garda o esencial. Nun caderno aparece o día que inauguraron o cine Buenos Aires, ano 1956, con La túnica sagrada. «Víctor Mature, neno, qué grande», asegura. Son cousas imprescindibles para a memoria. Dela faloume o martes mentres faciamos a ruta. O sol empezou a apertar. En cada panteón contábame a historia interminable. Eran as tres da tarde cando saímos do cemiterio. O Juan Ramón, e o vermú, seguen esperando por min.