Perdéronse os callos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

17 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Pode que o verán galego non estea asegurado de bo tempo e de calor, pero o que nunca falla nestes meses de estío son as festas dos distintos lugares, que van estourando pouco a pouco ao longo do territorio. 

E como se celebran as festas? Cada unha ten o seu aspecto propio e diferenciado, pero o que resulta común en todas elas é a celebración ao redor dunha mesa, cunha comida que como mínimo dura horas... e ata días!

Están ben situadas no calendario para que a xente que está fóra, poida volver a casa precisamente nas vacacións e xuntarse nese xantar con boa parte da familia. Hai cousas, por sorte, que non mudan. Outras si.

En que festa non había callos? Si, callos. 15 de xullo ou de agosto, tanto tiña. A pota dos callos presidía a mesa. Suábase coa calor e co picante das especias. Horas cociñando. As mulleres, que xa non ían nin á procesión, nin á sesión vermú... nin sacaban o mandil porque non lles daba tempo a amañar todo para os convidados.

Quizais iso pouco cambiou, aínda que si o faga o menú. Xa non hai potas marróns imposibles de levar por unha soa persoa coroando a mesa. Os máis novos xa non saben o que é que se perdan os callos. Eu aínda puiden aprendelo.

Perdéronse os callos! -oin laiarse á madriña o segundo día de festa.

E eu pensaba. Como se van perder? Alguén collería a pota! Ou é que roubaron na cociña?

Perder era estragar. Coas voltas do tempo, o xantar volvérase agre. Coma o leite cando se corta, explicáronme. Iso era que se perderan os callos. Non o volvín escoitar.