E Trump botou o seu aturuxo

OPINIÓN

21 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

De certo que custa crer que o presidente dos EE. UU. se atreva a aconsellar que, sen máis miramentos, se mate ao que, como presunto terrorista, foi detido o mércores en Barcelona. E que o consello, para máis, veña adobiado por unha lenda, que non historia: a do xeneral Pershing, que mataba terroristas islamitas con balas molladas en sangue de porco. 

O primitivismo que manifesta esta nova saída de Trump é ben preocupante: alguén que ten nas súas mans o máis grande poder do mundo suxire a morte dun detido que, naquel momento, non se sabe se hai algún cargo en contra del, nin se, ao mellor, en poucas horas vai quedar en liberdade. E non suxire unha morte calquera, senón a máis ofensiva para un crente musulmán (aínda sen ter a menor idea de se o é ou non).

Para que o primitivismo sexa total, e non teñamos a menor dúbida do seu pensamento, exemplifica coa actitude que se atribúe ao xeneral Pershing para que sexamos tan contundentes como se pretende que foi ese militar, todo á marxe da verdade, da investigación desta ou do respecto á calquera garantía de procedemento.

Pois o sectarismo do señor Trump non se afasta do fanatismo que el, pola súa conta, atribúe ao detido por unha presuntiva crenza relixiosa. Trátase de dous fanatismos parellos. Pero cando é o presidente dos EE. UU. o que fai gala del, e o publica aos catro ventos, un síntese co ánimo derrubado e non quixera pertencer a este mundo.

Como o señor Trump semella alleo á realidade, alguén haberá que lle suxira que, con esa e outras saídas súas, está sendo unha fonte de fanatismo, que esas palabras súas supoñen recuar na historia da humanidade, que contribúe a que o noso mundo, xa ben confuso, chegue a non ser aturable. ¿Haberá algunha dúbida sobre o seu xebre fascismo?