O momento das cousas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

22 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Escoitaba na tele a unha comentarista (desculpen que xa non lembre quen era) asegurar que sempre é o momento para falar e dicir as cousas. Pode ser, nese intre non lle dei maior relevancia. Pero... a medida que van pasando os días despois da traxedia de Barcelona, creo que cada cousa, e incluso cada palabra, ten o seu instante. 

Non é a hora de certas cousas, créanme. Non é o momento de crispar o ambiente con temas políticos que nada teñen que ver co loito polas mortes dos atentados. Non podemos confundir allos con cebolas. Ou non debemos.

Que hai que manifestarse? Ou honrar as vítimas? Fagámolo en función dos nosos ideais, non segundo quen nos acompañe no acto. Cadaquén é dono das súas actitudes, máis sublimes se se manteñen fieis aos ideais pese a quen lle pese, mesture co que se mesture.

Cantas veces acompañamos a alguén polo mero feito de que queremos a esa persoa? Transixindo con xente coa que doutro xeito non compartiríamos conversa, nin ideais, nin nada?

Non é o momento de antepoñer o egoísmo, créanme, e menos, berralo aos catro ventos para incomodar aos menos indicados.

Deixemos de encher os muros das redes sociais con ditames que saen das tripas sen pasar antes pola cabeza. Pensemos nas vítimas, en todos os inocentes que estamos condenando inxustamente, nas familias que poden sentirse ofendidas e incluso atacadas de maneira gratuíta. Isto, a nivel particular. No caso das institucións, agardo unha clase política ao nivel que merecen os tristes e lamentables acontecementos.

Abondo temos co que xa temos.