A festa de san Bartolomeu

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

23 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

En Galicia, o 15 de agosto é para moitos pobos e moitas familias o fin das vacacións de verán. As praias baléiranse de veraneantes e son moitos máis os que marchan que os que chegan.

Nos tempos da miña mocidade era frecuente que as nais e os nenos veraneasen dous meses mentres os maridos ían e viñan, pero a data que poñía fin ás vacacións adoitaba ser a do 24 de agosto, festividade de san Bartolo. O meu pai, no seu mal galego con acento toledano, adoitaba dicir un refrán sobre este asunto: «Por san Bartolomeu, ou inverno dícelle ao verao: aparta, que alá vou eu».

Os de Mondoñedo, cando ese día amencía claro, iamos celebrar esa festa á praia de San Cosme, que entón era case salvaxe, en comparación coa de Foz, por entón moito máis urbana e frecuentada por veraneantes madrileños. Coa xolda da festa aínda parecía que o verán seguía, pero ao día seguinte, San Cosme e Foz, e supoño que moitas outras praias do norte de Galicia, adquirían esa imaxe de soidade e melancolía que Fellini plasmou con gran beleza: casetas pechadas, ondas que parecen crinas de cabalos desbocados, un xoguete abandonado sobre as areas movidas polo vento…

Agora as cousas e o clima cambiaron e moita xente prefire tomar as súas vacacións en setembro, para evitar aglomeracións e prezos abusivos. É unha boa elección. Setembro é un mes precioso. Tamén en Galicia.