Segredos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

02 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai xente que é quen de levar unha vida completamente secreta. Non se trata de axentes da CIA, espías en tempos de guerra nin sequera de protagonistas dunha película policial cun guión perfectamente trazado. Tampouco de dous amantes clandestinos que desexan manter o seu idilio agochado. Trátase de xente que é o noso veciño da vila, o que vive dúas portas máis alá... ou o seu fillo.

Vidas completamente afastadas do que amosan no seu día a día, escenas que xamais poderiamos imaxinar. Pasan desapercibidos ata ese preciso instante no que comezan a acaparar portadas de xornais e abren as novas dos noticiarios na televisión e na radio.

Como son capaces de manter o misterio? Unha incógnita inmensa como unha vida enteira distinta á que dan a coñecer.

Non me gusta ter segredos coa xente á que quero. As poucas veces que se deu a ocasión, mantelos na ignorancia dos demais non foi tarefa sinxela. Busco na memoria e supoño que os primeiros segredos que construímos foron para perseverar a nosa intimidade fronte aos proxenitores. Dubido se algunha vez o conseguín completamente. Teñen unha intuición bárbara da que é complicado escapar.

Pero aí están, terroristas que seus pais non recoñecen coma os fillos que criaron. Isto é moito máis ca un inocente segredo infantil para agochar unha falcatruada, un desastre caseiro ou un namoramento. Como conseguen burlar a intuición fraternal con ese calibre?

Para min é incomprensible. Comezo a dubidar se algunha vez deixarei de saber quen é a miña pequena.