A política é outra cousa

OPINIÓN

04 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os problemas que hoxe temos e padecemos neste país, que non son poucos, proveñen, sen dúbida, dunha única causa: da escasa cintura política dos nosos dirixentes, de agora e de onte. Así se deixa sentir xa nalgunha prensa máis atenta á realidade que aos intereses dos seus donos.

Non me refiro só á situación creada en Cataluña senón, e moi principalmente, ao clima que uns e outros crearon en todo o país, facendo unha política que moi pouco ou nada ten que ver cos intereses da sociedade e si tan só cos particulares representados polos gobernantes que cadren. Un clima irrespirable no que o pacto foi eliminado pola unilateralidade, onde nin se fala nin acorda, pero no que a aldraxe substitúe á razón e o alporizamento ao sosego que os verdadeiros problemas reclaman.

De certo que fomos eficaces en substituír a política polo enfrontamento, o diálogo polos berros, a discrepancia polas descualificacións, o pacto democrático pola imposición autoritaria, a verdade nidia pola propaganda baleira, o sosego dialéctico polo alporizamento que constrúe inimigos onde só debera haber opoñentes. Como verdadeiros crápulas.

As consecuencias son o clima de escepticismo, e mesmo de nihilismo, que se vén apoderando dun país que semella non crer en nada, en ningunha das súas institucións, nin nos seus representantes, e no que a ilusión e a esperanza pode que sexan inferiores agora que nos escuros tempos da ditadura.

Será sempre unha política fracasada aquela que non permita á sociedade crer no seu porvir, que teña a ilusión real de poder desenvolver as súas enerxías creadoras e que o seu traballo está asegurado e xustamente retribuído. O único que si temos asegurado é o enfrontamento, o alporizamento, a aldraxe. Todo alleo á política de verdade.