Álvarez, Bautista

César Casal González
César Casal CORAZONADAS

OPINIÓN

OSCAR CELA

18 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Patriota. Bo e xeneroso. Pero non é soamente así. Non. Haiche moito imbécil e escuro. Por iso ten máis peso a vida de Bautista Álvarez. A cantos bautizou no Jordán do nacionalismo este home! Fun a moitas roldas de prensa de Bautista na Compostela de finais dos oitenta e primeiros dos noventa. E hoxe me decato de que nuns tempos coma estes, máis de Groucho que de Karl, a un político sempre no seu sitio ímolo botar moito de menos. O tipo que fundou, síntoo, non fundiu, a UPG e o BNG, era un lector empedernido e crítico de La Voz de Galicia, coma confesara nunha entrevista desas da última páxina o inesquecíbel Nacho Mirás. Algo que tamén mo dixera a min, como formiga do xornalismo. A ver como contas mañá o conto, rapaz, soltábame. Rapaz é a vida. Hai que despedir a este señor que leva con el tamén os meus mellores anos de xornalismo. Pero é moito máis importante que nesta marcha fúnebre vaise o mellor que se pode dicir dun político: endexamais perdeu o rumbo. Vai con el o pai Miño e a bandeira. O seu berce é Pondal. O seu desexo é unha revolución, a revolución máis imposíbel, a da razón que se funde co corazón. Non vou dicir aquí que desexaba mil primaveras máis para a súa Galiza, porque é como berrar á terra galega o obvio: ti es verde e azul, como Bautista Álvarez. Este é un país de palabras e de homes con palabra. Por un sono cheo de soños.