Xohana non se foi

OPINIÓN

18 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Poderiamos aplicarlle o horaciano non omnis moriar (non todo morrerei); deixounos, pero quedan a súa obra, o seu exemplo, o seu adiantarse a tantas cousas, a súa discreción, tan rara nun mundo onde privan as aparencias e aínda as farsas, a inautenticidade. Ela foi sempre un exemplo de autenticidade.

Para quen non viviu aqueles anos de mediados do século pasado pode que lle custe facerse unha idea do que significaba a súa actitude valente manifestando un galeguismo sen concesións: non se concibía por entón nunha muller e menos aínda nunha muller elegante, distinguida e fermosa como ela. Por iso foi unha verdadeira adiantada naqueles facareños anos escuros en que unha nova mocidade se dispoñía a afirmar a súa presenza despois da guerra civil.

Ela trouxo aires novos á poesía galega, como ben acredita Do sulco, o seu primeiro libro, segundo da colección Illa Nova, Non quero empregar a palabra rompedora, que outros usarían, e prefiro a de adiantada, porque tamén o foi na poesía, como no teatro, do que tiña amplo coñecemento, ou na novela, Ningún xénero literario lle foi alleo.

E adiantada foi tamén na literatura infantil, traducindo textos alleos e compoñendo outros orixinais seus, ou na procura dunha maior dimensión popular da nosa lingua, como cando ideou e executou a primeira emisión radiofónica galega, posterior á guerra civil, Raíz e Tempo, emitida semanalmente pola Voz de Vigo.

Nun acto íntimo despedímola o mércores, 13. Alí se salientou o cariño, o respecto e a consideración que nos merecían a súa persoa e a súa obra. Remoía para os meus adentros os inmortais versos de Horacio, duradeiros como o bronce. O tempo destrúe as cousas (Ovidio), agás as obras do espírito (Horacio). Por iso Xohana non se foi de todo.