Sen política non hai democracia

OPINIÓN

25 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Polo que semella, non se ve por ningures a mente lúcida que nestes momentos cómpre para evitar o que uns e outros parece que queren que ocorra. As teimas ocuparon o lugar da razón e da política. Da política grande, que é a que neste momento cómpre, ausente deste país, dende hai xa moito tempo entregado ás pequenas urxencias. Aínda que tarde (ou pode que xa a destempo) xorden voces aquí e acolá que, deixando a unha banda tanto boureo e tanta actitude alporizada, suxiren que se volva ao que nunca se debeu deixar, porque é o único útil: a política. Ninguén pode poñer en dúbida que estamos diante dun problema político. Por iso, o que non se comprende é que non se trate politicamente. A non ser que non queiramos resolvelo senón ensarillalo máis. Si, xorden algunhas voces que reclaman unha mínima sensatez e que refugan o disparate en que uns e outros, por distintas causas, se mergullaron, e que van seguir facéndoo. É como se non quixesen resolver o problema. Pero, aínda así, son máis ben escasas as voces autorizadas que se deixan oír, a diferenza do que en xeral a xente máis común semella pensar. Non deixa de ser sorprendente. En dúas ocasións, en 1930 e en 1931, Azaña, que si era un político de verdade, exteriorizou o seu pensamento a prol dunha solución para Cataluña procurada polos seus cidadáns e amparada polo Goberno do Estado, porque xulgaba que era o deber deste. ¿Tanto temos recuado en política dende Azaña a hoxe? Tanto temos recuado que en certa maneira estamos matando a democracia. Esta non é imaxinable sen a acción política, que nunca pode ser suplantada por sucedáneos inútiles e perniciosos. Dista moito a nosa democracia dun nivel aceptable. Por culpa dos teimosos dunha e doutra banda. Pagarémolo todos.

As teimas ocuparon o lugar da razón e da política. Da política grande, que é a que neste momento cómpre, ausente deste país