Francisco Lores, naquel pedaciño de ceo

Francisco X. Fernández Naval DE COTÍO

OPINIÓN

04 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días, falecía en Bos Aires Francisco Lores Mascato, presidente da Federación de Asociacións Galegas de Arxentina, con sede na rúa Chacabuco, no barrio de San Telmo. Tiña 83 anos. Nacido no Grove, Paco Lores emigrou de mozo á Arxentina, onde conseguiu realizar parte dos seus soños e penso que acadou un pedaciño de ceo. Como empresario foi fundador dunha empresa de fundición que fabricaba, entre outras cousas, as tapadeiras dos sumidoiros da cidade.

Eu coñecino no ano 2002, cando viaxei por primeira vez a Bos Aires, para investigar a relación do escritor Julio Cortázar cos emigrantes e exiliados galegos, nomeadamente con Luís Seoane, Lorenzo Varela e Arturo Cuadrado. Dende o principio, Paco Lores axudoume e ofreceume a súa amizade. El fora íntimo amigo de Arturo Cuadrado, compañeiros das noites porteñas e dos amenceres insomnes. Cortázar consideraba que era un contrasentido que Cuadrado vivise nun sitio máis ben redondo. Foi Paco quen me levou a ver a fachada redonda do Banco de Boston, na rúa Florida, á que se refire o autor de Rayuela. Tamén me falou da relación que Arturo mantivera con Alejandra Pizarnik, da que fora editor. Pero desa primeira viaxe, débolle, sobre todo, coñecer a Antonio Pérez Prado, autor do libro Los gallegos y Buenos Aires, cómplice nas miñas pescudas, que me agasallou o orixinal dunha carta que Cortázar lle escribira dende París.

Ás veces polémico, sempre firme e comprometido con Galicia, loitador infatigable e inimigo das ditaduras, Lores denunciou e pediu xustiza polos galegos desaparecidos durante o Goberno militar. No tempo que exerceu de presidente da federación, velou por que esta mantivese o vínculo histórico coa República e co galeguismo. O seu traballo e o dos seus colaboradores máis próximos, fixo posible a creación do Museo da Emigración e da Biblioteca de Galicia.

As tardes dos sábados de Paco eran para o programa de radio Galiza Emigrante. Doce anos conduciu esta emisión, bebendo do espírito con que dirixía as súas Luís Seoane. Dúas horas informando sobre a colectividade galega e ofrecendo información de aquí, todo adobiado con música e entrevistas. A última vez que nos vimos, no ano 2015, convidoume ao programa para falar dos galegos e Cortázar. No estudio coincidín con Víctor Freixanes, actual presidente da Real Academia Galega, que por aqueles días presentaba na capital porteña o proxecto Mar Maior, da editorial Galaxia.

Era frecuente que Paco arrincase cun tango. Gustáballe, sobre todo, o Polaco Goyeneche. Unha tarde de chuvia, ao saír da radio, levoume ata a rúa Lavalle. Alí, nunha tenda de discos, mercou para min un disco del. «Lémbrate de min cada vez que o escoites», díxome. Iso é o que fago agora, imaxinando que nalgún lugar dese ceo que non somos quen de imaxinar, xuntos cantan o valsecito e, se cadra, a eles se une a voz de Lorena Lores, cantautora que recibiu do seu pai o amor por Galicia e que procura fusionar na súa música a cultura da que provén coa arxentina na que medrou.