Política sen norte

OPINIÓN

09 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As enerxías políticas deste país concéntranse en cousas pequenas e de escasa importancia, en detrimento das grandes cuestións, que case nunca son merecentes de atención semellante. Por exemplo, pasamos cinco anos sen facer nada por endereitar o problema con Cataluña, cando non a avivecelo con torpes decisións. 

Claro que a óptica dos gobernantes é sempre outra: o urxente e verdadeiramente importante é manterse no poder. E por se manteren no poder teñen azos para deixar que grandes cuestións vaian podrecendo porque o tempo e a urxencia impoñen ocuparse de pequeneces, e máis, e sobre todo, se delas pende conservar o poder, ou se pensa que así pode acontecer. O caso catalán é un exemplo, entre outros moitos posibles.

Pero cando as decisións se pospoñen ou non nos encaramos cos problemas é sabido que, a longo prazo, estamos enguedellados nos asuntos, complicando as posibles solucións e, case sempre, só conseguimos que se nos vaian das mans. A falta de decisión é, en política, a morte desta.

E o mesmo podemos dicir da teima moi deste momento de eludir decisión para procurar que outros -os tribunais, por exemplo- decidan o que nós non queremos ou non sabemos resolver. O resultado é que o problema aínda se ensarilla máis. O tempo decidirá, para mal, o que no seu momento non quixemos resolver.

Dende a organización territorial do Estado ata a seguridade das pensións, dende os gravísimos problemas da desigualdade ata a exclusión social, dende os salarios de miseria ata unha mocidade sen futuro, entre tantos outros ¿que atención teñen merecido en comparanza co rescate da banca, cos aeroportos sen avións ou as autoestradas que nunca se deberan ter deseñado? ¿Coñece alguén algunha decisión importante para que a corrupción sexa cousa do pasado?