Gonzalo Caballero e o mínimo común múltiplo

María Xosé Porteiro
María Xosé Porteiro HABITACIÓN PROPIA

OPINIÓN

10 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un ano do cainita Comité Federal do PSOE que rematou coa renuncia de Pedro Sánchez, rexurdido das cinzas sete meses despois sen apoios do aparato de Ferraz, logo de pisar a rúa e procurar adhesións, militante a militante, ata conseguir o que semellaba imposible. Pero a fractura non está pechada e no partido precisan pasar páxina. Ese parece ser o propósito de Gonzalo Caballero, novo secretario xeral do PSdeG, á procura de reunificar á familia socialista galega e identificar e representar as demandas da cidadanía progresista. Na súa etapa de correcamiños por todo o país estableceu un vínculo de confianza cos centos de militantes que participaron na súa campaña. El sabe que esta foi unha das claves do seu éxito. O seguinte chanzo será presentar unha boa proposta para o Congreso Nacional de fins de outubro e formar un equipo que represente non só á militancia, senón á cidadanía galega que non vota ao PP. 

Profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, premio extraordinario da súa promoción e doutorado cum laude, Gonzalo Caballero colabora cos premios Nobel Douglass North e Olivar Williamson, é profesor visitante das universidades de Saint Louis, Berkeley, Bratislava, Praga, Tallin, Roma III, Granada, Valencia e o Instituto Juan March, e entre moitas publicacións internacionais sobre economía e ciencia política, acadou un notable recoñecemento con Economía política das institucións, democracia e votacións (Political economy of institutions, democracy and voting), coeditada con Norman Schofield por Springfield.

Alguén con tan alta cualificación deberá poder atopar o mínimo común múltiplo para o partido dividido que ten de liderar. Xa foi quen de compaxinar a súa formación e carreira profesional con máis de vinte anos dunha militancia reivindicada emocionadamente nas primarias do PSdeG: a influencia do seu pai, veterano militante e voceiro municipal en Ponteareas nos primeiros anos da democracia; experiencias vitais como coñecer moi de preto cando neno, a chegada de González Laxe á presidencia da Xunta; a sintonía con Ceferino Díaz; a súa entrada no 2005 na corporación municipal viguesa na etapa previa á chegada da recuperación do goberno vigués tras o goberno de Corina Porro... Nesa mochila, rémora para algúns e argumento a prol para a maioría que o apoiou, ten que facer agora sitio para a integración e romper co tráxico costume de se consideraren adversarios os membros dunha mesma organización, para atopar as coincidencias que sempre terán de ser máis ca os desacordos.

Relanzar a opción socialista en Galicia pasa por procurar apoios e desactivar as minas do pasado. O día despois, a pelota da unidade está no tellado da agrupación socialista de Vigo, onde o alcalde vén de recoñecer o éxito incontestable de Gonzalo Caballero, sen pechar portas a un posible diálogo. Abordar as próximas municipais con enfrontamentos sen resolver sería inasumible en termos de coherencia e compromiso cun proxecto que non admite exclusións.