O lume do desamor

Siro
SIRO PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

21 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

En maio de 2016 La Voz de Galicia informaba de que a Xunta de Galicia gastaría 173 millóns de euros para levar a cabo un ambicioso plan de loita contra incendios, co que aspiraba a reducir nun 8,4 % o número de fogos con máis dunha hectárea calcinada. O Goberno debeu de crer o que dicía porque, en poucos meses, pasou do optimismo á fachenda e o pasado 2 de xullo un xornal titulaba unha información: «Galicia, pionera de la lucha contra los incendios forestales», na que anunciaba que despois de ser calcinadas 70.000 hectáreas no verán do 2006 -durante o goberno bipartito PSOE-BNG- o Goberno presidido por Núñez Feijóo puxera en marcha unha serie de medidas que nos converteron nun referente dentro e fóra de España.Seguro que as medidas tomadas polo Goberno de Núñez Feijóo foron boísimas, pero as 35.500 hectáreas arrasadas polo lume na noite do pasado domingo demostran que contra os criminais dispostos a queimar o país, non hai medidas que vallan. O goberno do PP recibe agora as mesmas críticas que o PP fixo no 2006 ao goberno bipartito; e o feito de que Podemos saíse a todo correr a reclamar á Comisión Europea que investigue se España incumpre a lei de protección de bosques, non significa que se Podemos gobernase Galicia, fose ter máis éxito que os seus antecesores ante ofensivas criminais como a do verán do 2006 ou a do pasado domingo. Feitos tan horrendos plantéxannos dúas preguntas: ¿Quen queima os montes e por que o fai? Aínda que os detidos nos últimos anos suman un número importante, ninguén ousa dar unha resposta e todos evitan falar de grupos organizados. Sen embargo sabemos que os montes son queimados por galegos irresponsábeis, incendiarios e pirómanos; galegos desalmados, os máis deles; pero galegos. Por iso a pregunta clave é a segunda: ¿Como podemos os galegos queimar o noso país? Non teño a resposta, pero coido que hai unha razón de fondo e expóñoa a sabendas de que podo molestar Hai medio século debuxei unha viñeta na que uns turistas comentaban: - Galicia es hermosa a pesar de los gallegos. Eran anos en que «o feísmo» empezaba a impoñerse nas cidades e no medio rural. Trinta anos despois repetín a mesma viñeta, cos mesmos turistas, pero máis vellos, que dicían: -Antes Galicia era hermosa a pesar de los gallegos. Ahora ni eso.

A agresión á estética foi o primeiro síntoma do noso desamor pola terra. Por moito que nos emocionen os versos da nosa santiña Rosalía, por moito peito que botemos ao cantar o himno galego, por moito que nos gorentemos co pulpo á feira e a carne ao caldeiro, hai moito que os galegos, como colectividade, deixamos de amar a nosa terra. Evidencias hai abondo; a máis tráxica, porque causou vítimas mortais, a teimuda e cada vez máis asañada queima do país. Poderánselle dar as explicacións sociolóxicas que se queira, pero é o lume do desamor.