Crear problemas e non resolvelos

OPINIÓN

30 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai políticos que crean problemas en vez de resolvelos, que para isto están. Neste noso tempo é xa cousa común atoparnos cos que crean problemas, dentro e fóra das nosas fronteiras. Hai tamén -se ben nos nosos días, e tamén dentro e fóra, se trata dunha especie que semella en extinción- os estadistas. Problemas actuais, vivos e fervendo a cachón, creados polos políticos que non saben, ou non queren, resolvelos, hainos a esgalla, dentro e fóra, a maioría deles sen complexidade maior: o escorado financiamento do ensino, que tanto prexudica á maioría, as desigualdades, a exclusión social, a crecente pobreza da maioría á par da crecente opulencia dunha minoría, o paro, en especial o xuvenil, a crise dos refuxiados, o crecente apartarse da UE dos seus fins fundacionais, a crise catalá... Un ten sempre a dúbida de se certos problemas (a maioría dos sinalados no parágrafo anterior) son creados adrede. E deben de selo, porque se dá sempre a circunstancia de que benefician claramente a unha clase e prexudican con severidade a outra. Custa crer ou aceptar certas casualidades. Ben mirados, esas e outras cuestións, non son problemas difíciles: moitos deles teñen solucións ben coñecidas en todo o mundo e os máis esixen unha mínima competencia política, esa que se pode e debe agardar dun político elixido para gobernar. Case ningún require verdadeiros estadistas. O problema é máis grave do que de primeiras pode semellar: se as cousas son como parecen, moitos políticos non estarían ao servizo dos intereses xerais para que foron elixidos, non serían mandatarios de fiar e serán merecentes de reprobación. Cambiar esta situación é un dos grandes problemas do noso tempo. Pero este si que esixe verdadeiros estadistas. ¿Ulos?