Jerónimo

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

02 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Era un cabalo magnífico. O único que había en Queirugás nos sesenta, cando o Mariló era un neno intrépido. O señor Santamarina, o dono daquel animal portentoso, dicía que o cabalo só engordaba cando estaba perto da casa manducando. Porén, cando o deixaba atado no monte nun pasto espléndido, o cabalo parecía cada día máis escuálido. Ninguén sabía o motivo. Ou iso pensaba o Mariló, que era o causante. El estremecíase logo de ver ao cabalo e ao seu dono dirixirse aos prados do monte. Cando regresaba o vello, o Mariló subía á montaña. «Eran tempos do Oeste», dime moi serio cando lembra aquelas aventuras da nenez. Desataba a corda do cabalo, trepaba no seu lombo e como se fose un indio salvaxe corría entolecido por todas as pradeirías do alto de Queirugás, gritando: «Jerónimo, Jerónimo!!!». Os berros debían escoitarse lonxe, pero alá arriba só poderían oílo os pardais, xílgaros, corvos e outras aves. Un día tropezou o cabalo. O Mariló, ao chan. O cabalo por riba del. Levantouse como puido. Mirou arriba, abaixo, leste e oeste. Nada. Menos mal. «Pensei morrer, neno, só Deus puido salvarme», confesa. Conta ademais, mentres toma comigo o viño das nove da noite, que tardou un ano en curar as costelas. Tiña dúas ou tres rotas e non podía notarse, non fora que alguén coñecese o motivo da delgadez do cabalo do señor Santamarina. Bota de menos aqueles tempos. Máis nestes días. Díxome que non contase o segredo e non o conto, faltaría máis. Encontrouse cunha señora de Queirugás. Noventa anos. Non a vía dende había tempo. Preguntoulle: «Qué tal as costelas, Mariló?». El quedou estrañado. Ignoraba de qué falaba. Non lle fixo caso. Ata que ela, rindo entre dentes, dixo: «Ai, Jerónimo!!!».