O Estado en xaque

OPINIÓN

05 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Vaise percibindo unha preocupación crecente por un feito que hoxe xa ninguén pon en dúbida: a instrumentalización do Estado polos diversos poderes económicos, maiormente polo poder financeiro, ata un punto que xa se vén falando, por exemplo, de captura do Estado polos poderes económicos.

O fenómeno non é unha novidade europea ou USA. Preocupa, e moito, nos países hispanoamericanos, maiormente nos máis desenvolvidos ?sen excluír aos demais. En xeral, trátase da excesiva influenza do poder financeiro e das grandes multinacionais, non só para obter beneficios concretos ?rebaixa de impostos e outros tratos preferentes? ata chegar a desorganizar e mesmo abafar á clase traballadora, ben impoñendo salarios de miseria ou ben debilitando os sindicatos. Sen esquecer o que mellor saben facer: meter medo a todo, en especial á perda do posto de traballo.

Son moi diversas as trapelas que se veñen utilizando, dende mecanismos que en principio son ou poden parecer legais, como o financiamento de partidos que se estiman máis próximos, ata o suborno ou o financiamento de campañas electorais. Anomalías que se teñen convertido en usos e costumes.

Sen esquecer o feito de que o Estado se quede prisioneiro do poder financeiro cando, sabendo que crear impostos é sempre unha medida pouco ou nada popular, recorre ao préstamo, ao financiamento externo, o que supón posición de debilidade, tanto pola concesión como polas sucesivas renovacións.

A consecuencia é que hoxe o Estado pode estar metido nunha rateira ou nunha gaiola de non doada saída. A débeda está afogando a moitos deles. Situación dunha manifesta gravidade, que reclama estadistas, en primeiro termo, e tamén conciencia social. Pode que non teñamos ningunha das dúas cousas. Malos tempos.