Nós somos a manada

María Canosa
maría canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

21 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Nós, as mulleres, somos a manada. A manda. Unha manda de provocadoras, irresponsables, amorais, fulanas, meretrices, prostitutas, rameiras, candongas, coiras, coirudas, galdrapas, paxaras, pécoras, pelellas, pendangas e putas.

E a culpa das violacións a cada xovenca da manda é exclusivamente nosa. Por saír de noite. Por rir, por sorrir e sorrirlles aos homes. Por levar minisaias, por beber, por bailar, por desinhibirnos, por pasalo ben, por ser independentes (buuuuuh!!! que ousadía!!). Por querer volver á casa soas coma se a rúa tamén fose para nós. A quen se lle ocorre tal!

Culpa nosa toda por ter afouteza. Por levar tacóns, que estilizan as pernas: provocación! Por pintar os beizos de vermello paixón. Por alongar as nosas pestanas con máscara e facer os ollos máis fermosos cunha raia de lapis. Por levar os vaqueiros cinguidos, apertando o traseiro, coa indecencia de movelo mentres bailamos. Por levar suxeitador e acentuar o escote, ou por non levalo!

Manda de provocadoras! Iso é o que somos!

Porque só por iso merecemos calquera clase de vexación que nos fagan. E que non se nos ocorra chiscar un ollo ou lanzar un bico a ninguén. Non temos dereito! Iso si, é normal que eles poidan achegarse, darnos unha palmada no cu, facer xestos obscenos sobre o noso busto ou calquera parte do corpo e botarnos a man polo ombreiro ou polo van.

Pero cando un mozo se nos achegue, atraído verdadeiramente pola personalidade, trataremos de cravarlle as chaves que levamos preparadas entre os dedos.

Porque as da manda temos medo.