24 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos na época de apuntármonos en masa ao ximnasio e comezar a coidar a dieta. Hai que adelgazar, que chega o verán e queremos lucir bo tipo. Por iso, con tempo, comezamos a prepararnos para o verán. A aparencia conta moito, vaia se non!, polo que acabamos por estender a dieta a outras facetas da vida. E utilizo a palabra como concepto, claro. Agora a moda non é só poñer o corpo a adelgazar, senón que tamén se están quitando as toxinas dos documentos. E non me refiro a eliminar multas ou borrar antecedentes penais, non. Refírome a extraer todas as liñas dos currículos da xente que non son verdadeiras. Licenciaturas, cursos... títulos en xeral. Sen acreditar, eh. Que non todo é tan sinxelamente falsificable. Pero na redacción da vida académica de moitas persoas aparecían adobíos inexistentes. E de súpeto, coma se lles fose chegar o verán, puxéronse a dieta de condecoracións académicas. Non é pola chegada do sol, é pola calor que se sobe ás meixelas pola vergonza de mentir sen necesidade. En certo modo é coma se se espisen. E claro, ao verlle as orellas ao lobo, comezaron a desaparecer liñas dos CV coma a area. Que digo eu, a que teñen medo? Porque a persoa que propiciou esta psicose nin dimitiu nin pensa facelo, que a culpa non foi dela, son tan só irregularidades administrativas alleas á súa persoa. E, ademais, está apoiada polo seu presidente, que, por se fose pouco, é o presidente de todo o país. Daquela... quen dixo medo?