De 5 a 150

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

09 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Deiteime co lume no corpo. No corazón. Na cabeza. Xa me estaba durando moito este verán longo e tardío sen incendios. Pero aí estaba eu, caladiña, sen dicilo, e calando esa voz temerosa que me soaba dentro. Porque, se o penso, igual se activa o lume. Así somos, acabamos por culparnos do que non ten nada que ver con nós, incluso do que é contrario ao que nos define. Pero tiña medo, medo pensar nas lapas e que aparecesen, en calquera recuncho do monte.

Pechei os ollos pensando nas 5 hectáreas que, dicían nos noticiarios, estaban arrasadas en Mondariz. Cinco. O número martelábame na cabeza. 50.000 metros cadrados. Son moitos ceros. Demasiados. Non podiamos acabar o verán tranquilos? Non, xa era moito.

Por fin dei conciliado o sono, e cando volvín abrir os ollos, e os oídos, o 5 convertérase en 150. E entón, en lugar de calar, déronme ganas de chorar e berrar. Outra vez. Outro ano. Outro lume.

Pero xa non durmira ben, porque coñezo como traballa o lume. Vin esas lapas voraces, devorando coma fauces dun monstro máis e máis superficie de terreo. Avanzan sempre implacables. Arrasan. E así nos despediron na noite, ameazando co seu laranxa intenso erguéndose ata o ceo.

Envolven, cercan, dilapidan. Converten a terra en cinza. Non vale só repoboar. Cantos anos terán que pasar para que prendan e restauren o que hoxe temos? Aínda non aprendemos iso? Cantos desastres ecolóxicos máis precisamos para que se nos grave a lume?

Pasamos de 5 a 150 hectáreas e podemos quedar sen ningunha. Coidado.