Reparación para Calvo Sotelo?

Manuel Monge EN LIÑA

OPINIÓN

13 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O artigo «En reparación a Calvo Sotelo», que publicou nestas páxinas Francisco Vázquez, non pode quedar sen resposta porque contén gravísimas acusacións despois do acordo da Deputación da Coruña, sen ningún voto en contra, de cambiar o nome do instituto Calvo Sotelo. Cualifica esta decisión como «ignorancia de la verdad histórica», e a lei da memoria histórica como «revanchista»; lamenta que o PSOE «justifique un crimen de Estado, legitimando el asesinato de uno de los líderes de la oposición».

Non é a primeira vez que fala de «la imposición sectaria y unilateral del relato histórico», como recolle ese artigo. En marzo presentábase Manifiesto por la Historia y la Libertad contra a anunciada reforma da lei de memoria histórica, que comezaba así: «No se puede imponer por una ley un único relato de la historia». Ademais do señor Vázquez, entre os asinantes estaban, entre outros, o xeneral de División Juan Chicharro Ortega (presidente da Fundación Francisco Franco), Luis Alfonso de Borbón y Martínez-Bordiú e Santiago Abascal, presidente de Vox.

Considero que a morte de José Calvo Sotelo debe ser cualificada en 1936 e en 2018 como un asasinato, absolutamente condenable, exactamente o mesmo que o sucedido a miles de persoas que, despois das sacas dos cárceres, foron asasinadas en Paracuellos. Estas actuacións non foron «crimes de Estado» porque non soamente foron condenados polo Goberno da República, senón que puxeron os medios para que non se repetisen este tipo de actuacións. Todas as deputacións e concellos que aprobaron retirar as rúas e distincións honoríficas concedidas a Calvo Sotelo na ditadura rexeitan eses crimes e non lexitiman o asasinato de Calvo Sotelo: Deputación de Pontevedra (presidencia do PSOE), concellos de Curtis (PP), Logroño (PP), Pontedeume (PSOE), Pontevedra (BNG), Arzúa (PSOE) etc.

Recuperemos a verdade histórica. Calvo Sotelo era un declarado partidario do fascismo, que participou na organización do golpe de Estado e que proclamaba en 1936: «España podrá salvarse con una fórmula de Estado autoritario y corporativo».

O seu asasinato cinco días antes da sublevación militar e fascista do 18 de xullo de 1936 é utilizado para xustificar esta, pero a preparación é moi anterior. Por outra parte, o coruñés Santiago Casares Quiroga, presidente do Consello de Ministros e ministro da Guerra, despois de toda unha campaña de Calvo Sotelo para provocar un levantamento militar contra o Goberno, protagonizaba nas Cortes un histórico enfrontamento o 16 de xuño de 1936, responsabilizando a Calvo Sotelo do que «pudiera ocurrir».

As persoas que se levantan contra a Constitución, a democracia e os gobernos elixidos democraticamente polos cidadáns non merecen ningún tipo de reparación. Pero si merecen reparación e recoñecemento social o alcalde da Coruña Alfredo Suárez Ferrín, o gobernador civil Francisco Pérez Carballo, o xeneral xefe da VIII División Orgánica Enrique Salcedo, o xeneral Rogelio Caridad Pita e centos de políticos, dirixentes sindicais e sociais que defenderon a democracia e foron asasinados na comarca da Coruña en 1936; e merecen reparación as 130.000 persoas asasinadas polo franquismo, que aínda continúan nas cunetas, sen que poidan recibir unha sepultura digna.