Non me podo fiar

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

14 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O caso Nadia está resultando un revulsivo na sociedade. Sentímonos, en conxunto, estafados. Xogaron coa nosa boa vontade e vai repercutir negativamente na boa vontade.

Isto faime reflexionar. Lembran cando nas festas nos viñan colocar unha bandeiriña no peito, cun alfinete, pedindo a cambio unha moeda? Cos cartos, supúñase, farían fronte aos gastos das celebracións. E quen non facía unha pequena achega se cando viñan buscarnos estabamos precisamente gozando da verbena? Pois moitas veces quen pedía para a festa nada tiña que ver con ela, e todo o que recadaban acababa sinxelamente no seu peto.

Foi a primeira vez, sendo unha nena, que me sentín estafada. Quizais por iso teño un sentido da xustiza bastante estrito, e moléstame en especial que me mintan. Que queren, cada un ten as súas teimas.

Se fago repaso do meu día a día... síntome inmensamente estafada. Continuamente. E hai cousas coas que non podo tragar. Tamén de pequena me ensinaron que coa comida non se xoga. Por iso me doe que cando me vendan pan artesán, non o sexa. Que o enchan de aditivos e me digan que é natural. O mesmo co peixe. Pido (e pago!) atún e danme outra cousa. Ou bacallau, ou ducias de especies máis. No polbo, que está a prezo de ouro, cóbranme a auga conxelada ao mesmo prezo que o cefalópodo. Pago sete quilos e de molusco son tres. Por se fose pouco, tamén me están a enganar no mel. Seica teño que ler toda a letra pequena de todas as etiquetaxes antes de facer a compra. A culpa, vaites!, ha ser miña.