19 ene 2019 . Actualizado a las 05:05 h.

Falando do que cambiou o mundo, contaba meu pai en máis dunha ocasión cando os nenos ían ao monte a por leña e piñas. Leña, o que se di leña, non era. Pero apañaban as póliñas que podían, porque todas servían para facer lume. Así limpaban os camiños. O que estaba no público entendíase que se podía coller. Outra cousa sería roubar a leña que acabase de cortar un veciño. Iso non. Pero recoller do chan os anacos de pólas que caeron para arredar o frío do inverno ou prender a cociña, si. Agora esas pólas son refugallos desprezables. Se nolos quitan de diante, ata damos as grazas.

 Pero algo daquilo aínda queda, non vaian pensar. A vila de Arcos de la Frontera, en Cádiz, estase a facer famosa pola leña. Non en xeral, pero si polo caso concreto dun concelleiro. Está acusado de apropiarse de entre 16 e 30 toneladas de madeira procedente da corta duns cipreses do Concello. As árbores xa había que quitalas; o problema foi que as levou para casa pagando os portes cos cartos do Concello, aproveitando que era o delegado de Medio Ambiente naquel momento.

Agora está na oposición, e a Fiscalía pide para el 27 meses de cárcere e 8 anos e medio de inhabilitación. A madeira valía 2.240 euros. Os portes, 480 euros.

Está ben o que fixo? Non. Vouno defender? De ningunha maneira. Poño en cuestión a magnitude da pena? Tampouco. Pero non me sae da cabeza a «equidade». Por poñer un exemplo actual: a Rodrigo Rato caéronlle o dobre de meses por gastar coas tarxetas black 15,2 millóns de euros.

Déronlle leña abonda?