Quen vén sendo a extrema dereita?

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

VOX

22 ene 2019 . Actualizado a las 09:04 h.

Un amable lector mandoume un correo preguntándome por que identificaba coa extrema dereita o novo partido que vén de aparecer nas eleccións andaluzas. Agradecinlle a pregunta, despois da estrañeza inicial, porque nada hai máis democrático que razoar, debater e persuadir. Esa pregunta obriga a non dar nada por sentado, un erro que adoito cometemos cando temos que distinguir a realidade da aparencia: esixe pensar canto hai de novo e canto de vello nas mensaxes e nas propostas políticas, ou cales son as axendas ocultas; identificar os odres vellos con viño novo; distinguir qué está a nacer e qué non acaba de morrer.

Pensando historicamente o presente, sen partir dunha posición partidista da que carezo, e tendo en conta o espazo dun breve artigo, sintetizo esquematicamente algúns argumentos para explicar por que debe definirse como extrema dereita ao novo grupo do Parlamento de Andalucía que apoia o Goberno do PP e C’s. 1) Porque na topografía política tradicional sitúase á dereita dun PP que ata agora mesmo, e por 25 anos, reuniu toda a dereita española no que Fraga denominou a «maioría natural». De aí saen estes novos dirixentes que só teñen á súa dereita o nazismo de Hogar Español e a decrépita Falanxe do abade do Val dos Caídos. 2) Polos referentes europeos que escollen de aliados e porque así é como os ven en Europa, e esa será tamén a súa posición no actual mapa político europeo da emerxente extrema dereita. 3) Polas súas referencias programáticas, en liña coas outras extremas dereitas globais, e aforro presentar os seus contidos, que son coñecidos e simples e non precisan publicidade.

4) O seu empeño na transversalidade política a morte agocha a ansia de anular as diferenzas políticas entre españois, ata o punto de que non conciben máis que unha forma de ser e pensarse español; xa que logo, coma en toda proposta totalitaria, sobran os demais partidos, identificados como «políticos» en expresión tan popular como antigamente franquista. Porque 5) a súa interpretación de asuntos constitucionais chave ?autonomía, democracia liberal, Exército...? correspóndense exactamente coa da extrema dereita española na Transición. Vén sendo o programa actualizado de Fuerza Nueva e nada neles pode considerarse comprensivo co pacto constitucional, nin co actual Estado de benestar. A Constitución é o contrario do que reclaman. Pero a mellor forma de entender onde queren ir apréciase 6) na súa visión negacionista do pasado sobre a Ditadura, a guerra e as matanzas golpistas. Por último, conscientemente ou non 7) responden á cultura política e á ideoloxía máis tipicamente franquista que os historiadores investigamos e explicamos, instalada na sociedade española en 40 anos de poder e evolución. Todo presentado con formas, caras, nomes e cores novas, mesmo reclamándose defensores da verdadeira liberdade e a verdadeira democracia, coma en Austria ou Suecia. En 1977 La Gaya Ciencia editou uns libriños titulados Que é? dirixidos a unha sociedade ansiosa por saber. Haro Tecglen escribiu o titulado Que é unha ditadura? J. R. Pin escribiu Que é a extrema dereita? Abonda relelos para situarse.