A dieta

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

CARMEN VALIÑO

21 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando chega o carnaval, a cuadrilla perde o sentido. Unha maré de desatinos voga sobre nós. Tan pronto aparece unha mención libidinosa do Julio no chat, unha foto carpetovetónica, un recordo, ou un amigo improvisando unha chanza presumiblemente divertida. E digo presumiblemente porque escoitamos de todo. O anecdotario é amplo. Poño un exemplo. O Bernardo, que é do Madrid, díxolle ao barcelonista Valentín: «Estás moi obsesionado co fútbol. Tes esquecida á cuadrilla. E fasnos moita falta, profesor». O profesor zamorano contestou con sorna: «Qué falta ni qué falta, si no te he tocao». O Mariló pediu outro vaso, con petisco de tortilla, mentres contemplaba ao Juan Ramón desaprobando a intervención futbolística. Cambiamos de asunto. E mentres o Mariló papaba a tortilla, todos empezamos a recriminalo: «Estás engordando moito». Molestouse. Marchou. Dixo que non nos aturaba e que non contásemos con el este carnaval. Mentira. Ao día seguinte, mesmo sitio e mesma hora, alí estaba o Mariló cunha etiqueta de xampú. «Que é iso?», preguntamos. El contestou: «O xampú é a causa da gordura». Eu non sabía se rir ou chorar, os outros tampouco. O Mariló leu a etiqueta: «Champú tal y tal (a marca), da cuerpo y volumen». E engadiu: «Cuerpo y volumen, por iso engordo, polo champú!». E botou a rir. O humor da cuadrilla mingua. Menos mal que sempre queda o Julito. Onte mesmo apareceu no bar cun frasco. «Que traes, Julio?». El contestou: «Unha dieta para o Mariló. Tres gotas coas tres comidas». Estabamos todos ao borde do delirio. Cando vimos a etiqueta do frasco, quixemos que nos tragase a terra: «Lavavajillas tal y tal. Elimina toda la grasa. 100 % garantizado». A cuadrilla perdeu o sentido.