Sobre a morte dun profeta


Tal día coma hoxe (22 de febreiro) morría, hai oitenta anos, no exilio francés, en Collioure, Antonio Machado: o poeta Antonio Machado, aínda din moitos, sen saberen (ou ocultando) que o escritor foi, tamén, un extraordinario prosista, un dos grandes ensaístas da España do século XX, que era a España de don Miguel de Unamuno, de don José Ortega y Gasset, de Azorín, de don Manuel Azaña e de don Gregorio Marañón, entre outros admirables prosistas. O libro Juan de Mairena (1936), de don Antonio Machado, é un dos libros máis orixinais e incitantes da prosa española daquel tempo.

Quen morría o 22 de febreiro de 1939, alén de excelso no verso e na prosa e alén da súa honradez intelectual, era un cidadán exemplar polos seus compromisos e pola súa lealdade a uns principios que algúns ilustres colegas esqueceron nos días tráxicos do verán do 36. O día 24 de novembro dese ano, evacuado don Antonio de Madrid a Valencia con outros intelectuais, declaraba na sede do V Regimiento: «Yo no me hubiera marchado, estoy viejo y enfermo. Pero quería luchar al lado vuestro. Quería terminar una vida que he llevado dignamente, muriendo con dignidad. Y esto solo podría conseguirlo cayendo a vuestro lado, luchando por la causa justa como vosotros lo hacéis».

Este é o home, o cidadán, o civis hispanus que, nun poema moi coñecido e celebrado, Retrato, publicado en El Liberal, de Madrid, no ano 1908, facía este vaticinio, esta autoprofecía: «Y cuando llegue el día del último viaje, / y esté al partir la nave que nunca ha de tornar, / me encontraréis a bordo ligero de equipaje, / casi desnudo, como los hijos de la mar». O profeta tiña, en 1908, trinta e tres anos, pero xa sabía que a súa sería unha vida sen avaricias nin egoísmos. E así foi. O 22 de febreiro de 1939, Mércores de Cinza, ás tres e media da tarde, expiraba en terra allea, lixeiro de equipaxe, espido de bens materiais, un cidadán a quen hoxe, oitenta anos despois, ninguén entre a xente de ben é capaz de apoñerlle unha mácula cívica.

Tamén o enterro de don Antonio, o 23 de febreiro, foi un epílogo sen solemnidade nin espectáculo. O féretro, envolveito nunha humilde bandeira republicana, foi transportado por seis milicianos andaluces anónimos que fuxiran, ad hoc, do terrible campo de concentración do Chateau des Templiers. Eles, quizais soldados analfabetos, sabían ben a quen honraban.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Sobre a morte dun profeta