A frivolidade

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

18 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A frivolidade é unha rutina. Un bazar chinés (onde Dante foi guiado por Virxilio) no que encontras de todo menos o amor. Unha pneumonía que afecta ao intelecto e non o deixa respirar. Un pega unha patada a unha pedra e un frívolo grita «ai!» e decontado acode a algún tribunal para acusarte de maltrato animal. Non podo máis. Debo tirar a toalla na miña permanente confrontación coa frivolidade. Eu tamén quero ser frívolo. Non pensar. Porque na carencia de pensamento, de ideas, habita en verdade o home feliz. A frivolidade ten a súa televisión e os seus propagandistas e o seu abrigo institucional. Abonda con observar o ton da campaña e un comprende que é un vencido. Ganaron eles. Os que fixeron da superficie a súa única razón de ser: todo lata. Penso no meu mundo, ese que chaman «mundo da cultura», e regreso ao lugar do que nunca partín: esa literatura que agora só lemos os vetustos. Somos os auténticos «devanceiros»: unha especie en extinción. Ou unha seita. Recoñecerémonos pola rúa contemplando algún estigma na nosa alma, tan invisible como as cousas que en realidade pagan a pena. Recréome contemplando os frívolos na súa nora de concatenacións espurias. Non din nada. Nada achegan. Pero para qué complicarse a vida filosofando. A filosofía é un Ben que nin as pésimas leis educativas puideron erradicar. Quédanos iso, a filosofía: a devoción polos sabios e iso que os sabios contaron. Os frívolos pasarán. Pero deixarán a súa memoria indeleble por riba da nosa propia memoria. En realidade eles son os únicos que existen. Os demais somos rémoras, desperdicios, restos. A min sempre me quedarán os chineses: «Se caes sete veces, levántate oito». A frivolidade é unha rutina.