Echeverría

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

23 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ignacio Echeverría doounos a súa vida. Estaba en Londres, cuns amigos, e non dubidou en enfrontarse á inxustiza. Por iso digo que agasallou a vida e non a perdeu. Non deu coa traxedia no medio do camiño. Uliuna. Estaba ceando e presentiu a desgraza. Colleu o monopatín e saíu. A que? Nin el mesmo o sabía. Só tiña a coraxe e convicción suficientes para non dubidar en percorrer a rúa co propósito de mellorar o mundo.

Hai xente que está feita doutra pasta, sen outra explicación.

Non era a primeira vez que vivía situacións semellantes. A súa familia ben o sabe, pero hai cousas para as que o ser humano non está preparado. Feitos antinaturais como a perda dun fillo. Por iso sempre me sorprendeu a enteireza e integridade coa que a familia levou a situación. Sempre respectuosos, sempre agradecidos, sempre gardando as formas e facendo gala dunha enorme educación.

O pai asegura que, de non terse enfrontado a aquela atrocidade, Ignacio sufriría toda a vida por non facelo. Deste xeito tamén sufriu, pero só fisicamente. Non lle feriron a conciencia. Tamén asegura que o seu fillo foi un privilexiado, pois puido elixir. Tomou unha decisión e iso humanízao.

Pero a realidade é que Ignacio Echeverría é un heroe, o heroe do monopatín, como foi alcumado cariñosamente.

A súa morte, certamente, conseguiu que os terroristas non matasen a ninguén máis.

Pero as bágoas atragóanselle e aperta os dentes para non deixalas saír. El tamén está feito doutra pasta. A da superación a unha perda irreparable. Que lección de vida!