As rastas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Chema Moya | EFE

17 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai tormenta en Podemos. Os resultados electorais xa facían prever algún cambio, aínda que as posibilidades eran varias. Hai uns días vivimos a primeira treboada. Pablo Iglesias destitúe a Pablo Echenique á fronte da secretaría de Organización de Podemos e propón como substituto ao deputado canario Alberto Rodríguez.

Na mesma mañá que espertamos coa nova todos os programas puxeron aos seus comentaristas a traballar.

Alberto Rodríguez é deputado desde o 13 de xaneiro do 2016. Pasaron tres anos e medio desde aquel día no que chamou a atención o seu peiteado de rastas. Vale, era a primeira vez que ía alguén así. Entenderíao se fose o mesmo impacto que causara, por exemplo, Carmen Alborch co seu pelo vermello.

O problema é que daquela os prexuízos saltaron á primeira. Celia Villalobos restáballe importancia ás rastas se as levaba limpas e non lle pegaba os piollos. Con tal afirmación, o único que facía era poñer en dúbida o dito. Sutil pretendía ser Pilar Cernuda, deixando caer que había «malos olores» na bancada de Podemos. Tremendo. Sociedade avanzada a nosa, que xulga polo aspecto.

Eu o que lembro é que cando Alfonso Candón, compañeiro del no Congreso pero de partido oposto, asistía á súa última sesión, Alberto aseguroulle que o ían botar de menos. É vostede boa persoa, dálle calidade humana a este sitio. Ou algo así.

Pensei que as rastas estaban superadas. Pero non. Co recente nomeamento de Alberto, un comentarista volveu dicir que o seu aspecto físico daría moito que falar.

Peniña.