Sedición, rebelión, democracia

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

David Zorrakino - Europa Press

14 oct 2019 . Actualizado a las 05:01 h.

Os papeis terman do que lles poñen e a norma, unha vez escrita, aplícase. Pero as normas e as leis, como as sociedades, están sometidas a inercias. Ese parece ser o ocaso dos delitos de sedición e de rebelión que, tal como están escritos hoxe e aquí, responden a orixes históricas que deben explicarse e entenderse, para poderen superarse. As inercias teñen que ver coa creación na ditadura de instancias xudiciais excepcionais para xulgar o que os vencedores na guerra consideraron violencia política. Ese foi o sentido do establecemento en xuño de 1940 -mentres a Wehrmatch ocupa Francia- do Tribunal Especial para la Represión de la Masonería y el Comunismo, con xuíces especiais que actuaban indistintamente na xurisdición civil ou na militar. En 1963 foi substituído -os tempos mudaran e o escándalo do asasinato de Grimau obrigaba- polo Tribunal de Orden Público que formando parte da xurisdición civil entendía de delitos políticos, entre eles a sedición e a rebelión. A supresión do TOP en 1977 para dar paso á Audiencia Nacional foi destacado agora por historiadores como Enric Ucelay-Da Cal, antes por Julio Gil Pecharromán, sempre por moitos xuristas, como síntoma dunha delicada continuidade.

Os delitos de sedición e rebelión teñen vellas orixes nas cortes europeas e lembra Ucelay como a revolución liberal española distinguiu con dureza bélica a nación da «facción». A inclusión dos delitos rebelión e de sedición armadas no Código Penal, dende o primeiro de 1822, ten pois un sentido histórico que España partilla con outros estados. En sucesivos códigos, na mención a ambos delitos a letra refírese a acción violenta e armada, pero co tempo na maioría dos estados democráticos desapareceron eses delitos, subsumidos na alta traizón. No Código español de 1870 indicábase que cara os rebeldes e sediciosos cumpría primeiro á intimidación non armada. Aquel Código penal dos revolucionarios demócratas só foi cambiado pola ditadura en 1928. Pero, xa en 1906, o delito de sedición como proclama pasara á xurisdición militar e por iso dimitira Montero Ríos da presidencia do Goberno. O intervencionismo militar non foi aquí maior que en Francia, pero España gañou en guerra civís a calquera outro estado europeo e por iso a pervivencia no actual Código (1995) deses delitos pode verse como unha estraña inercia histórica.

Coñecer o pasado debera servir para librarse dos seus lastres. Facer dunha mobilización popular unha rebelión ou unha sedición é moi discutible, pero é posible, pois as interpretacións restritivas de dereitos e liberdades medran hoxe en día. Converter unha mobilización en plebiscito tampouco ten xeito en democracia porque para iso existe o mecanismo de votación. Pactar, acordar e atopar saídas políticas aínda cunha década de retraso é o único que parece ter sentido. Hai dous anos escribín sobre isto. Agora xa hai unha verdade xudicial, debates na opinión pública, foi aplicado o 155, houbo eleccións en Cataluña e imos cara as segundas xerais, apareceu un partido unitarista autoritario e aumentou a intransixencia do nacionalismo español no que algúns expertos como I. Sánchez Cuenca ou P. Beramendi identifican unha regresión democrática.

Un pouco de perspectiva para contemplar o asunto con profundidade histórica resulta cívica e democraticamente necesario. A democracia é unha conquista social e máis o produto dun acordo político, non un agasallo da lei, e ten mecanismos para resolver conflitos porque se funda sobre a resolución pactada e pacífica de disputas garantindo dereitos e liberdades cidadás. Ten un mecanismo xenuíno cando fallan todos: votar. Nas democracias que integraron a protesta, os delitos de sedición e rebelión sumíronse no de traizón.