Nós traballamos para que ti quedes na casa

José Antonio Díaz FIRMA INVITADA

OPINIÓN

Santi M. Amil

27 mar 2020 . Actualizado a las 21:02 h.

Nos últimos tempos vivimos un desmantelamento xeral da estrutura produtiva do sector primario no Estado. A evolución do sector agrario en 2019 derivou en 31.300 empregos menos, o peor resultado desde 2015. Isto é contraditorio coa situación que estamos a vivir. Os alimentos son un dos eixos fundamentais para conter o caos en situacións extremas como a que estamos a vivir. O Goberno anunciou a posibilidade de pechar as fronteiras, o cal deriva na evidencia de que teremos que alimentarnos de produtos de proximidade e producidos no Estado. Isto, á súa vez subliña a importancia do sector primario e de ser un país produtor e non importador.

Traballar no campo en situación de excepcionalidade non é moi distinto a calquera outro día. As e os gandeiros continuamos coas nosas tarefas: labramos, cultivamos, estes días botamos as patacas, movemos ás vacas de pasto canda os nosos cans e mantemos produtiva, en definitiva, a contorna que nos rodea. E falando da nosa contorna nin sequera iso mudou, pois, se ben nas vilas grandes se pode notar o rigor da falta de servizos, no rural a iso xa estamos afeitos. Pero, precisamente, estar no rural cobra un plus de importancia nesta crise para poder abastecer á poboación de produtos.

Gustaríame sinalar neste artigo a importante labor que fan as persoas da sanidade, dos servizos sociais ou das traballadoras dos supermercados. Porén non podo deixar de sinalar o traballo das e dos traballadores do sector primario porque se algo estamos a ver é que o vinculado co sector terciario pode agardar, pero a comida non. E por iso apelo á responsabilidade das persoas que vivides nas cidades e grandes vilas para que non veñades á casa do rural a pasar a corentena: precisamos un rural o máis libre posible de coronavirus para poder mantelo en funcionamento.

Esta crise trae de volta un concepto que nós temos reivindicado moito: a soberanía alimentaria. En base a esa crenza nós, desde A Carqueixa implementamos a iniciativa O Sabor dos Ancares para poder venderlle ao consumidor directamente a nosa tenreira galega suprema sen intermediarios. Levamos anos dicindo que non podemos depender de terceiros países para nos alimentar, que é inxusto que se faga importacións de produtos baratos e de peor calidade que desvirtúan o noso traballo. Hai unha ausencia de consideración entre a relación da soberanía alimentaria, o coidado dos solos, a alimentación da sociedade e o tecido campesiño. Apostar desde as administracións por este modelo é equivalente a apostar por unha organización da produción e o consumo de alimentos que sexa acorde coas necesidades das comunidades locais, outorgando prioridade á produción para o consumo local. Non me digades que non era ben sinxelo facer iso en Galicia, onde agricultores e gandeiros ofrecemos produtos de primeiras calidades.

 José Antonio Díaz. Presidente da cooperativa A Carqueixa