Humor artesanal

OPINIÓN

Carlos Barba

04 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Para Nietzsche o home sofre tan terriblemente no mundo que non lle quedou outra que inventar a risa. Apégome a esta reflexión do filósofo porque comprobo que o humor, tan necesario, está a se cruzar estes días coa desgraza da pandemia. Non hai que desprezar estes gromos de orixinalidade da xente que, máis que facer o parvo ou pasar da mellor maneira a súa reclusión, axuda ao resto a se divertir.

En toda esta enxurrada de vídeos virais que nos chegan pola rede, adoita aparecer certa creatividade espontánea que nós mesmos aplaudimos e facemos circular coma outra clase de virus dixital que prende sorrisos a esgalla. Moitos deles agachan unha boa dose de intelixencia capaz de lle tirar á realidade o lado cómico e mesmo ridiculizar a transcendencia de quen está a ver na pandemia a fin do mundo. É certo que hai un desexo tamén de notoriedade e exhibición en moitas destas actuacións individuais, pero non o é menos que este estoupido de ocorrencias axuda a esconxurarmos a traxedia, aínda que só sexa por uns segundos.

Dende o cárcere brando das nosas casas podemos facer moitas cousas que servirán para nós e, o que é máis importante, para os demais. Unha delas é este humor caseiro, artesanal, que contaxia optimismo, que revoluciona os balcóns das nosas rúas e empurra o paso das horas lentas desta especie de realidade paralela que estamos a vivir.

Na xeografía íntima da casa, o humor é un ben de primeira necesidade que nos fai un pouco máis libres e, dalgún xeito, expresa outro tipo de solidariedade intanxible porque, cando rimos, somos moito menos vulnerables, relativizamos as cousas, loitamos contra a frustración, a soidade, a dor e, sobre todo, contra o inmenso aburrimento de termos que repetir os días.