«Déjà vu»

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

05 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Mentres cae o café na cunca, a radio sintoniza un réquiem por Alcoa. Fóra, un sol radiante resulta contraditorio e trae á memoria a primeira viaxe á Mariña e a sensación de distopía ante a balea do aluminio e a súa tenebrosa balsa de lodos vermellos no medio da paraxe natural privilexiada que se foi inzando dunha industria que acaería máis ao feo cinturón empresarial dunha grande urbe imposíbel ao norte de Lugo. Alcoa, antes Inespal, é filla dun tempo e dunha economía que herda as peores teimas e maneiras do franquismo, mais que se foi perpetuando ata a actualidade á base de obviar o medo ecolóxico e de especulación. Cando unto a torrada, xa me sorprende unha intuición. Levo tempo sabendo isto. Unha restra de pequenos titulares e avisos legais dos últimos meses, quizais anos, contradinse coa indignación, a sorpresa, a mentira.

Somos o único país que cre que as reestruturacións empresariais conxunturais nunca se van levar a cabo e por iso temos aos únicos políticos que asumen unha catástrofe como mal menor antes de encarar solucións que poidan exceder os míseros catro anos de mandato. Preferimos o regueiro de paro e desesperación que xeran os peches de Alcoa e Meirama (quizais Citroën?) e optamos polo laio e a grandilocuencia (reunións, declaracións, sinais de apoio), en lugar de verdadeiras accións preventivas que non se notan como gusta que se noten. Sempre é igual. Non será porque a lexislación europea, o devir económico internacional e as propias direccións das multinacionais non avisasen.

Estamos condenadas ao déjà vu que chegará con cada almorzo nunha mañá de crise, coma en 2008 ou 2020, en que o mundo se revira e comparece o capital, coma se non o coñecésemos.