Procurando a foto

Abel Veiga LIÑA ABERTA

OPINIÓN

19 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Aprovéitase cada feito ou suceso para zorregarse. Abofé que esta borrasca que asolou e azotuou a Península e sobre todo Madrid e o centro de país non ía deixarse á marxe da controversia política. Debagutado o discurso político, empobrecido ate niveis inverosímiles, xa todo é posible neste país. A oposición culpa o presidente do Goberno non da nevarada cruenta, senón de estar oculto durante dous días e non facer nada. O mal chamado líder da oposición aproveita a visita forzada a un centro de saúde e palada en ristre sácase a foto retirando algo de neve. Pedro Sánchez acode ao Ministerio do Interior co medo de non esvarar físicamente, pois políticamente leva tempo esvarado na presidencia, deixando, unha tras outra, perder moitas oportunidades de liderazgo. Así está a situación nun país adormecido, indiferente e abúlico. Non importa quen goberne. Estas imaxes e discursos baleiros xa os temos vivido antes cos protagonistas cambeados. Xa fora apagando as labaradas dun lume, nunhas riadas ou en calquera traxedia coa faciana encollida e simulando unha dor pouco críble. Postos a salvarse non se salva ninguén. Moitos se preguntan se a familia real segue de vacacións e onde. Pero a historia é coma nos contan a cotío. O problema é se paga a pena crela ou simplemente botar a ollada a ningures, probablemente o mellor dos lugares dentro da indómita indiferenza que nos caracteriza hoxendía ós españois.

Malos tempos, pésimas imaxes, degradación absoluta da política e dos xestores do público. Propagan as culpas alleas e non asumen endexamais as propias. Non importa a administración nin a área política, nin se se teñen competencias ou non. O envilecemento é, simplemente, canallesco.

Agora, pasado xa o Nadal, dícesenos que non deberon producirse os movementos, as reunións familiares nin de achegados. Mais ¿alguén dubidaba de que os gromos repuntarían deste xeito? Cremos que non. Pero ningún de nós quixo ollar para outro lado. Así de sinxelo. É a condición humana. Poucos resistiron a quedar nas súas casas ou fogares. O Nadal ten unha forza atraínte e familiar única. Coma tamén o ten a irresponsabilidade e a lixeireza coa que agora nos enfrontamos á pandemia. Perdémoslle o medo. Iso é o terrible desta historia. Acostumámonos a aceitar cada día  que un avión ou dous se estrelaban na cifra de mortos. E nin sequera sabemos se verdadeiramente nos dan a cifra real. Ollamos o que acontece noutros países, e as súas estadísticas cálannos o comprobar as inxentes cifras de falecidos. Acostumáronos dende o primeiro día a non ver cadaleitos, nin bágoas, nin tristuras. Só o medo é máis poderoso ás vegadas coa propia razón desposuída precisamente de argumento.

Seguen os nosos políticos a facerse a foto. O poder da foto, coma a das bandeiras, remata, sen embargo, por ser un poder baleiro de todo.