Bonapartismo é unha palabra francesa

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

SARAH MEYSSONNIER | Reuters

04 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O do militarismo é un dos grandes mitos contemporáneos españois e unha grande falsificación da historia. Como ben estudou Blanco Valdés. O relato máis difundido ven dicir que nos dous últimos séculos o poder militar predominou sobre o civil por unha tradición de pronunciamentos, golpes de Estado, caudillos militares e bonapartismo. Unha maldición. Un relato que por certo encantou sempre aos golpistas, aos intransixentes partidarios da man dura e aos que, sen presentarse ás eleccións, sempre estiveron empeñados en meter en cintura aos políticos. Pero o certo é que a día de hoxe levamos menos tempo vivindo sen golpes de Estado nin gobernos militares nós que os nosos devanceiros que viviron de 1874 a 1923. O certo é que o bonapartismo, a solución militar da disputa política, é unha tentación francesa.

Agora que todo o mundo fala de Madrid, eu prefiro falar de Francia. Non polas visitas da mocidade franca que ven de farra aos bares da Esperanza, senón por esa carta de militares xubilados na que se queixan de que Francia está en perigo de desaparecer polo que consideran a perda dos seus valores eternos, e ameazan ao Goberno cunha acción de forza que, tratándose de militares, só pode ser armada, como ben sabemos. Francia é o modelo de España fora de España que moitos aquí usaron de referencia contemporánea para comparar os avances ou retrasos políticos, económicos e culturais e, de súpeto, os veciños do norte sorpréndennos cunha ameaza golpista. En realidade a sorpresa non é tanta se indagamos o pasado en vez de crermos os mitos.

Estes militaróns franceses publicaron a súa proclama cadrando co 60 aniversario do último intento serio de golpe de Estado en Francia contra o Goberno doutro militar, o xeneral De Gaulle, presidente da V República e executor, segundo algún dos seus opositores, dun golpe de Estado permanente. De 1940 a 1944, o xeneral Petain, o heroe de Verdún, foi tamén o xefe de Estado colaboracionista cos nazis co argumento de salvar os valores eternos de Francia. O famoso caso Dreyfuss reflicte ben o militarismo do país veciño á altura de 1900. O presidente da III República, o xeneral Mac Mahon, foi quen rematou coa Comuna de París hai agora 150 anos, facendo fusilar a milleiros de federais para restaurar a orde que el mesmo destruíra na derrota de Sedán fronte aos prusianos. E antes que ninguén, Napoleón Bonaparte, executor do golpe do 18 de Brumario, que primeiro se converteu en cónsul e logo en emperador. No Estado español as disputas para impor o poder civil sobre o militar non foron menos importantes, destacando a prol do civilismo Cánovas e Montero Ríos. Este último dimitiu como presidente cando o rei impuxo que fosen tribunais militares os encargados de xulgar delitos contra a patria e o exército, respondendo ás presións das corporativas Juntas de Defensa. Atentos.