Campus vivo

Julio Abalde PUNTO DE VISTA

OPINIÓN

15 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A pandemia que estamos vivindo está sacando á luz a importancia da dixitalización. Esta transformación dixital é unha oportunidade para que as universidades aceleren a súa modernización, tanto no eido da docencia, coa oferta de novos títulos como Intelixencia Artificial, IoT ou Blockchain, coma no campo da investigación e transferencia do coñecemento ás empresas e institucións que así o demanden.

O momento que vivimos, inmersos nunha transformación dixital sen precedentes, está cheo de grandes desafíos, entre os que destacan os riscos relacionados coa protección de datos, a adaptación ao 5G e o emprego adecuado da intelixencia artificial.

O impulso da dixitalización, acelerado pola necesidade do teletraballo, en moitos sectores como o caso da docencia, tivo un impacto positivo pero tamén puxo de manifesto os riscos relacionados coa seguridade. No caso dos datos, as empresas, que son cada vez mais datacéntricas, están comprendendo os beneficios que achega a súa xestión e explotación, pero tamén son conscientes da necesaria política de protección que garanta a mitigación de riscos.

As empresas, conscientes da colonización dixital por multinacionais que controlan a información e o software, deben apostar pola localización do coñecemento nas universidades da súa contorna, para que poidan ter un acceso amigable ás investigacións que se desenvolven nos centros de investigación e evitar a colonización dixital das multinacionais foráneas.

Por outra banda, as universidades debemos estar na vangarda do coñecemento, e adiantar as investigacións nos nosos laboratorios para que logo se poidan implementar nas empresas e institucións da contorna. Nesta época, marcada pola loita en conseguir vacinas, con ensaios clínicos acelerados para dar solución á pandemia, vemos, con certa envexa, que aqueles territorios que contan con universidades ben dotadas están liderando a loita por conseguir unha solución Á crise sanitaria. Ninguén discute que será a investigación científica e tecnolóxica, unha vez máis, a que nos salve dos efectos deste virus.

En 1851, Nathaniel Hawthorne falaba da invención do telégrafo como un «gran nervio, vibrando ao longo de miles de millas nun instante efémero de tempo. O globo terráqueo é agora un enorme cerebro, imbuído de intelixencia». Habería que preguntarse que opinaría se lle tocase vivir esta apaixonante era dixital.