Parece que acaba o covid

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

J.L.Cereijido | Efe

10 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Parece que acaba o coronavirus. Non me estou a fixar nos datos dos contaxios, mortes ou evolución da pandemia, tan só miro a cantidade de novas que ocupan lugar na televisión e na prensa sen teren relación co covid-19. Cada día son máis, coma se se reproducisen.

Xa falamos de datos de paro, salario mínimo, indultos, violencia de xénero e traxedias varias. É ben certo que estabamos un pouco ata o gorro de saber só do coronavirus, si. Pero... por outra banda, hai momentos nos que non me importaría volver á situación de hai uns meses. Porque anda que non hai leas! Así por xunto! Non estabamos preparados para isto.

Case me dá unha taquicardia ao consultar o xornal. Un destripador, un apuñalamento, un home que deixa morrer á parella e a grava agoniando. A traxedia de Anna e Olivia... Os médicos atendendo a 50 pacientes diarios. A dialéctica entre os políticos, desatados pola cuestión dos indultos.

Como dixerir todo isto? Está claro que a violencia foi a única que non estivo confinada e seguiu o seu ritmo. Xa que ese bicho practicamente invisible é quen de levar vidas por diante, podía varrer cando menos a maldade do mundo, non? Pois nada. Segue aí, imparable. Porque, no fondo, dubido se demos aprendido algo neste tempo de precariedade. Dóeme pensar que non, mais vai ser así, por moito que me pese. Temos memoria de peixe. Xa esquecemos o mal que o pasamos hai un ano, ata o punto de declarar que case non nos sentimos afectados polo coronavirus. Que pouca aprendizaxe! Mágoa!