Seis minutos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

EDUARDO PEREZ

14 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Seis minutos. Iso é o que se tarda en arrancar a golpes a vida dunha persoa.

Que forza pode mover a alguén para matar unha persoa? Unha brutal e chea de odio, coma un tsunami imparable e desapiadado co epicentro no rancor. En segundos, a onda descomunal fai un camiño devastador, arrasando ao seu paso. E logo, a resaca, o regreso das fauces ao mar, arrastrándoo todo, tragándoo, ata que regrese a calma.

Nin sequera un furacán así de abominable serve para explicar un asasinato.

O resorte salta sen pensar. Un mozo grava cun dispositivo móbil a outro e o que aparece en escena desata unha pelexa verbal. De aí á agresión física pasa un suspiro. E logo, en seis minutos, golpean o mozo entre varios e foxen. Samuel xa está morto. O tsunami da ira pasoulle por riba.

Pode acumularse tanto sangue frío de vez?

Os implicados intentaron negar os feitos. Tan só agora o recoñecen os menores. Atacoulles o arrepentimento? O motivo parece ser unha redución de condena. E así, en poucos anos, quizais anden libres de novo polas rúas da cidade, quen sabe se facendo gala da mesma provocación que a que aquela noite lles levou a cometer un asasinato. Camiñarán arrichados, coma se non pasase nada.

Un asasinato non pode quedar impune, nin saldarse cuns poucos anos á sombra. A vida é irreparable, pero as condenas deben ser exemplares. Non pode saír tan barato matar. É demasiado sinxelo, bastan seis minutos, apenas un instante. A consecuencia non é pasaxeira e o perdón non pode resultar igual de inmediato.