Furtivismo de bañador

Joám L. Ferreiro Caramés BIÓLOGO

OPINIÓN

monica ferreiros

10 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que a tendencia xeral sempre son os datos, porcentaxes e estatísticas, eu quero centrarme no problema e no prexuízo que causa ao marisqueo. Así como a ninguén se lle ocorre parar nunha tenda, encher unha bolsa e marchar sen pagar, ou parar diante dunha leira e coller uns repolos e marchar, xustifícase coller marisco nas praias «porque o mar é de todos», e non é mentira, mais iso non vale para o que o mar produce. Xa desde finais do século pasado o marisqueo pasou a ser unha actividade de semicultivo, é dicir, non é simple recolección, hai traballos de rexeneración, limpeza, traslados, sementeiras... e para poder exercer esta actividade hai que ter un permiso e pertencer a unha confraría ou asociación, é un traballo regulamentado coas súas cotizacións como calquera outro. Polo tanto, o furtivismo, na modalidade que sexa, é ilegal, e quen o realiza comete un delito lexislado e penado. Hai que ter en conta, ademais do delito, o dano que se fai. Para comezar, as confrarías teñen que dedicar xente a realizar vixilancias para evitar que se desenvolva esta actividade nas praias, traballo extra para que non lles rouben o marisco que é o seu medio de vida.

Ademais, cando se realiza esta actividade ilegal non se miden as tallas, levando marisco aínda inmaturo e que non tivo oportunidade de reproducirse, ou en época de veda cando está a se reproducir, causando non só prexuízo polo levado, senón tamén polo que haberá no futuro. Ademais, as confrarías teñen que presentar un plan de explotación que, baseado nas mostraxes realizadas nas praias e estimación de stocks, determina o tope de captura por persoa, os días de traballo, temporadas de veda, e traballos a realizar; a extracción ilegal desbarata todos estes cálculos e altera os topes e calendarios de extracción e traballos. A perda económica producida polo furtivismo ás veces é moi importante, e nalgunhas zonas ou anos (non todos os anos hai a mesma produción) empeora, e moito, o traballo e as ganancias das mariscadoras, xa que, a menor cantidade de marisco, máis traballo para gañar o mesmo ou menos.

Hai un último factor a ter en conta, mais que é moi importante. Todas as zonas de marisqueo da Galiza, excepto algún parque de bateas, están en zonas clasificadas bioloxicamente como B (obrigatoriedade de pasar por unha depuradora de marisco para eliminar os coliformes presentes nos bivalvos) ou incluso en zonas C (prohibición de consumo deste marisco por contaminación microbiolóxica). Meter o marisco na casa nun caldeiro con auga de mar non depura, como moito elimina algunhas areas: hai polo tanto un risco biolóxico seguro. Mais cabe a posibilidade de que o banco marisqueiro estea pechado por un episodio de biotoxinas, xa sexan estas lipofílicas, PSP ou ASP, aquí o problema é moito máis grave porque poderían pór en risco a súa vida e, en caso de ser detidos con este marisco, enfrontarse a cargos por un delito grave (delito contra a saúde pública). Respectar o traballo da xente do mar e ir á costa a desfrutar dela é o que deberiamos facer cando imos á praia.