Precisamos unha gran axencia de difusión cultural

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Ramón Leiro

27 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Un ano máis, a cidade de Pontevedra acolle a festa grande das industrias galegas da cultura: territorio da creación onde se dan cita a edición (a literatura en todas as súas expresións), o audiovisual, a música, as artes escénicas, as artes plásticas, o deseño, novas tecnoloxías da comunicación, mesmo produtos de lecer e consumo comprometidos coa lingua galega. Van quince anos dende a primeira convocatoria e debo recoñecer, pois participei como editor en case todas, que a experiencia non fixo máis ca medrar, cunha atención especial ao público mais novo. Gratifica ver familias con crianzas percorrendo os corredores e visitando os espazos especializados: videoxogos, contos para todas as idades, albumes ilustrados, carteis, xoguetes, ademais de concertos, representacións teatrais e proxeccións de cinema. Se ollamos cara atrás no tempo debemos recoñecer o crecemento obxectivo da oferta e o número igualmente crecente de creadores e produtores. 

E non obstante… Canto necesitamos alimentar este universo! Velaquí unha das nosas meirandes carencias, pensando sobre todo nos mais novos, o que non se contradí co que acabo de dicir. Hai poucos días que presentabamos no Concello de Ames unha nova achega dun proxecto que vén desenvolvendo a RAG sobre hábitos e consumos lingüísticos entre a mocidade, sobre todo na primeira poboación escolar: todos eses nenos que falan galego na casa e cando chegan a escola, socializándose con outros rapaciños, acaban no castelán, por exemplo. A principal causa é a ausencia de oferta na nosa lingua para os máis pequenos: debuxos animados, videoxogos, albumes ilustrados, espazos deportivos… Dicíanmo os meus alumnos hai pouco: «O galego podémolo mover entre nós, pero cando nos achegamos ás salas de cine, á publicidade das cousas que nos interesan, á música nas discotecas, ás bancadas dos equipos de fútbol dos que somos seareiros, ás plataformas audiovisuais, mesmo ao dial radiofónico... en que falan?».

A industria da cultura debería ser unha das prioridades estratéxicas de calquera política lingüística proxectada dende Galicia. Temos unha capacidade creativa certamente importante, mesmo extraordinaria se nos comparamos con outras realidades demograficamente semellantes: produción e recoñecementos (premios) aquén e alén das nosas fronteiras no mundo do libro, a música, as artes plásticas, as artes escénicas, mais precisamos dun plan de proxección, márketing e difusión (cara a dentro e cara a fóra) que priorice eses produtos (e os creadores), para equilibrar a competencia descompensada da gran máquina globalizadora. Para iso están as políticas: para compensar o que está descompensado e vén descompensado de atrás; non para lle dar polo pau ao mercado. Unha axencia de representación internacional do que somos. Como se fixo e se está a facer co Xacobeo, por exemplo.